A Xunta salienta a aposta polo emprendemento desde a rede de polos para fixar poboación no rural

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, desenvolveu hoxe unha visita institucional á Fundación Juana de Vega con sede en Oleiros

Salientou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego xa ten en marcha 11 polos por toda Galicia -tres na provincia da Coruña- dos 15 que abrirán antes de que remate o ano

Máis de 700 persoas emprendedoras, arredor do 60 % mulleres, recibiron nos polos máis de 2.000 titorías para sacar adiante as súas iniciativas

Oleiros (A Coruña), 10 de novembro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, desenvolveu hoxe unha visita institucional á Fundación Juana de Vega na súa sede, en Oleiros, onde puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que está a despregar a Xunta por toda Galicia coa colaboración desta entidade para apoiar o emprendemento.

 

Na actualidade, esta Rede conta con 11 polos en activo dos 15 que porá en marcha por toda Galicia antes de que remate o ano. Tres deles están emprazados na provincia da Coruña: o de Ferrol, o de Coristanco e o de Melide que se inaugurou esta mesma semana. En global, toda a Rede atendeu desde a seu inicio, en xullo de 2022, máis de 700 persoas emprendedoras, arredor do 60 % mulleres, que recibiron máis de 2.000 titorías para sacar adiante os seus proxectos.

 

A provincia da Coruña aglutina o 40 % da actividade de toda a Rede con máis de 930 sesións de titorización levadas a cabo desde o pasado ano nas que se prestaron acompañamento a preto de 260 persoas, cunha proporción de mulleres do 60 %. A idade predominante dos participantes é entre os 35 e 52 anos e os sectores de actividade con máis presenza nestes polos son o comercio, a agricultura, a gandería e a pesca, os servizos e as actividades artísticas e de entretemento.

 

Fernández sinalou que os polos permiten casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da Comunidade galega; dinamizar o mercado de traballo, buscando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; e fixar poboación no territorio, porque se hai traballo hai futuro. A través dos polos, ademais, a Xunta quere que as asociacións de autónomos máis representativas de Galicia apoien coa súa experiencia a mentorización das persoas emprendedoras que están a asesorarse cos seus proxectos nestas oficinas.

 

Mostra da aposta decidida do Goberno galego polo emprendemento, os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinan en 2024 a esta área un total de 30,6 millóns de euros, un 51,6 % máis que en 2023, para seguir impulsando a Rede de polos e continuar deseñando programas de axudas ás persoas que inicien ou precisen consolidar os seus negocios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023