A Xunta colaborará na gala benéfica da asociación Asem Galicia en Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este venres no Centro Vialia o evento que se celebrará o vindeiro 15 de novembro con motivo do “Día das enfermidades neuromusculares”

Vigo, 10 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres na presentación da gala benéfica de Asem Galicia (Asociación Galega de Enfermidades Neuromusculares) que se celebrará o vindeiro 15 de novembro (19:00 horas) no Centro Vialia. A representante autonómica acudiu ao acto de posta de largo na planta baixa do centro comercial, onde destacou a colaboración do Goberno galego “co obxectivo de visibilizar as enfermidades neuromusculares”.

Na presentación, a delegada da Xunta estivo acompañada polo director de Vialia, Juan Louro; o presidente de Asem Galicia, Manuel Rego; e polo actor Carlos Veleiro, que será o encargado de presentar a gala. O evento terá entrada gratuíta e no espectáculo participarán o músico Xulio Lorenzo, as escolas de danza Miriam Pino e Ldanzia, o mago Jorge Lorenzo e as polifacéticas Girls Gang.

Asem Galicia forma parte dunha ampla rede estendida por todo o territorio nacional que forman 22 asociacións de pacientes que traballan día a día para mellorar a situación das persoas afectadas e das súas familias. O seu principal obxectivo é contribuír a mellorar o benestar deste colectivo, así como difundir, sensibilizar e facilitar información sobre a realidade e as necesidades específicas que teñen as persoas con este tipo de doenzas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023