O Consorcio Casco Vello de Vigo completa a venda do edificio de vivendas de promoción autonómica rehabilitado na rúa Real

Vigo, 10 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, firmou este venres a venda da cuarta vivenda de promoción autonómica da rúa Real 13 tras finalizar as obras de rehabilitación do edificio, polo que xa está completada a adxudicación dos catro pisos do inmoble.

A representante autonómica procedeu así á entrega das chaves a este último adxudicatario das vivendas da promoción que permitiu recuperar un dos maiores edificios construídos no barrio histórico vigués. O inmoble, levantado sobre un solar de 116 metros cadrados, conta cunha fronte de fachada cara á rúa de 10,24 metros. Foi adquirido polo CCVV en decembro de 2019 e a súa reforma supuxo un investimento de 605.150,50€.

Trátase dunha das principais rehabilitacións na zona baixa do Casco Vello de Vigo realizada nos últimos anos, cunha situación excelente ao estar moi próxima a puntos de interese como a praza do Berbés, a Concatedral, A Laxe ou a praza da Constitución. Cada unha das novas residencias ten unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e conta cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos. Na mesma rúa sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público.

Seis promocións con 22 vivendas

O Consorcio Casco Vello, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, contará cunha partida total de 1.780.065 euros tras o desbloqueo a pasada semana do Plan de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAIF) do próximo exercicio 2024. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos.

Ademais, a cifra de investimento pode incrementarse en 1,3 millóns de euros no caso de que se aprobase a aplicación de fondos de remanentes. O PAIF 2024 contempla, en concreto, investimentos na rehabilitación de seis edificios (Elduayen, 31; Ribeira do Berbés, 39; Subida ao Castelo, 9; Elduayen, 39-Ferrería 16; Hortas, 2-4 -San Sebastián, 20 e Rúa Alta, 8-14) o que permitirá crear un total de 22 novas vivendas na zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023