O Sergas publica a relación definitiva de admitidos no concurso-oposición para o ingreso en 51 categorías de persoal estatutario
Resultan admitidas 22.197 persoas nos procesos selectivos de concurso-oposición para un total de 1.086 prazas ofertadas
Noméanse os tribunais cualificadores no proceso selectivo polo sistema de concurso-oposición para o ingreso á condición de persoal estatutario fixo en 14 categorías
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se publica á relación definitiva de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos, do exercicio da lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en 51 categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como a resolución pola que se publica o nomeamento dos tribunais cualificadores de 14 categorías.
Estas 1.086 prazas engádense ás 1.556 prazas ofertadas na categoría de enfermería, da que xa se realizou o exame da fase de oposición o 25 xuño, ás 789 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería e ás 196 da categoría de persoal de servizos xerais. Ambas categorías realizaron o exame o 4 e 5 de novembro.
A estas prazas hai que engadir 150 prazas ofertadas na categoría de médico de familia, proceso no que se publicará proximamente a listaxe definitiva de admitidos e excluídos. Neste momento, estanse executando procesos selectivos por concurso oposición nos que se adxudicarán 3.777 prazas.
A estas prazas ofertadas por concurso-oposición hai que engadir as 1.808 prazas ofertadas mediante o sistema de concurso de méritos, para un total de 97 categorías de persoal estatutario.
Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 22.197 aspirantes e foron excluídos o 7,8 % dos profesionais inscritos. As categorías con maior número de aspirantes admitidos son: celador (8.290), seguido do grupo auxiliar da función administrativa (7.782) e fisioterapeuta (1.107).
No que se refire ás persoas admitidas por estamentos resultan os seguintes datos: 1.951 admitidos son persoal licenciado sanitario, 3.954 aspirantes son persoal sanitario diplomado e de FP, e 16.292 persoas admitidas corresponden ao estamento de persoal de xestión e servizos.
As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas á disposición dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.
Nomeamento de tribunais de 14 categorías
Está previsto que os exercicios da fase de oposición destas categorías se realicen no mes de febreiro de 2024.
Redución da taxa de temporalidade
Nestes procesos de concurso-oposición inclúense prazas da oferta ordinaria dos anos 2019 a 2022, e tamén da oferta de estabilización do persoal temporal aprobadas polo Decreto 81/2022, do 25 de maio, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.
Actualmente están en desenvolvemento os procesos selectivos para un total de 105 categorías de persoal estatutario, mediante procesos de concurso de méritos e concurso oposición, que permitirán a incorporación de 5.585 profesionais como persoal fixo.