A Xunta abre mañá o prazo para a presentación de ofertas ao concerto social para a xestión dos centros de Monteledo e Montefiz, en Ourense

Destínanse preto de 23 millóns de euros ata o ano 2027 para a atención residencial, educativa e terapéutica a menores e adolescentes que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de concerto social para a atención residencial e a intervención educativa e terapéutica nos centros de Monteledo (37 prazas) e Monfefiz (23 prazas), en Ourense. O Executivo autonómico destinará preto de 23 millóns de euros ata o ano 2027 a estes dous servizos, nos que atende a menores e adolescentes que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade.

A Xunta emprega o procedemento do concerto social para seleccionar unha entidade que se ocupe destes dous servizos. O concerto poderá prorrogarse catro anos máis, polo que valor estimado do mesmo incluída esta ampliación ascende a 50,2 millóns de euros.  

Nos centros de Monteledo e Montefiz, un equipo de profesionais traballa cos menores para conseguir a súa plena reinserción, a través de programas que perseguen a súa socialización e a adquisición das habilidades sociais, laborais e educativas necesarias para a súa integración na sociedade unha vez finalizada a medida xudicial.  

As entidades interesadas en participar nesta convocatoria teñen un mes de prazo, a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes, e deberán facelo obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta.

 

Data de actualización: 10/11/2023