O DOG publica hoxe a oferta de emprego público da admnistración xeral para 2023 que ascende a 1.102 prazas

Do total de prazas, 606 son de acceso libre

Tamén se Inclúen máis de 300 prazas para a promoción interna e 187 para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

O DOG publica hoxe a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración Xeral da Xunta e das entidades instrumentais do sector público autonómico para este ano 2023 que ascende a 1.102 prazas, das que 606 son de acceso libre.

A OEP de 2023 tamén inclúe 300 prazas para a promoción interna do persoal funcionario de carreira e outras nove para promoción interna nos entes instrumentais; e 187 postos para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta pactado no Acordo de concertación para a mellora das condicións do emprego público, asinado en 2019 cos sindicatos CC.OO. e UXT.

Esta oferta de prazas ten a finalidade de garantir a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida acceder a un posto de traballo de alta calidade na Xunta de Galicia; que os empregados públicos que xa traballan na Administración galega con carácter temporal poidan consolidar os seus postos de traballo; garantir o dereito á promoción profesional dos empregados públicos; e continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo.

Prazas de acceso libre

O maior número de prazas de acceso libre concéntrase no ámbito da loita e prevención contra incendios forestais con 181 prazas na categoría de bombeiro/a forestal; 75 na de bombeiro/a forestal condutor/a; ou 71 na de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

Tamén destacan, entre outras, 40 prazas para a escala de axentes técnicos en xestión ambiental; 30 na escala de veterinarios; 25 prazas na escala de auxiliares de clínica; 19 prazas para o corpo superior A1; 16 prazas para a escala de sistemas e tecnoloxía da información; ou 15 prazas para a especialidade de psicoloxía e para a especialidade de enfermería, respectivamente. A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias.

Promoción interna e funcionarización

Ás prazas de acceso libre súmanse outras 300 prazas para a promoción interna do persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden acadar un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución. Ademais, engádense outras nove prazas para a promoción interna nos entes instrumentais.

Así mesmo inclúense 187 prazas para continuar co proceso voluntario de funcionarización do persoal laboral fixo. Estas probas non teñen carácter competitivo, senón que permiten modificar o réxime xurídico do traballador, que pasa de ser empregado laboral fixo a funcionario de carreira da Administración.

Data de actualización: 10/11/2023