A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o conselleiro do Mar participaron nun encontro informativo sobre a norma autonómica

A Xunta constata que o recurso contra a Lei do Litoral só afecta ao 15% do seu contido

Ángeles Vázquez incide en que o Goberno central magnificou o impacto e alcance do seu recurso ao calcular que se vía afectado o 40% da lei

Alfonso Villares ve plenamente constitucional unha norma que busca aportar certezas e seguridade xurídica a unha franxa costeira onde vive a metade da poboación galega e cunha cadea mar-industria que xera máis de 40.000 empregos

Pontevedra, 9 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia constata que o recurso presentado polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral só afecta ao 15,5% do texto autonómico.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou hoxe que o Goberno galego, logo de facer unha primeira análise da publicación no Boletín Oficial do Estado do recurso de inconstitucionalidade admitido a trámite, certificou que só se poñen en cuestión un total de 73 apartados e letras dos 469 que contén a lei.

Durante unha xornada informativa sobre a norma autonómica con representantes municipais dos concellos costeiros da provincia de Pontevedra, na que tamén participou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, Ángeles Vázquez incidiu en que “o Goberno central magnificou” o impacto e alcance do seu recurso ao calcular que se vía afectado o 40% da lei cando, en realidade, moitos dos artigos non son impugnados na súa totalidade, senón só nunha pequena parte ou nun punto.

A maiores, a vicepresidenta segunda lamentou que o Estado cuestione aspectos fundamentais da norma galega como o obxectivo de acadar un desenvolvemento sustentable do litoral apostando pola coexistencia das actividades económicas coa protección ambiental ou a aprobación dunha estratexia de economía azul de apoio á pesca, ao marisqueo, á acuicultura e á cadea mar-industria.

De feito, o recurso do Estado supón un gran prexuízo tanto para o tecido produtivo do litoral como para os concellos ao quedar paralizadas todas as solicitudes recibidas desde a súa aprobación para poñer en marcha servizos básicos e esenciais no dominio público marítimo-terrestre. Esa parálise, ademais de deixar aos municipios sumidos na incerteza, tamén supón unha paulatina perda de oportunidades de desenvolvemento.

Nesa liña, Ángeles Vázquez contrapuxo a regulación do litoral desde unha perspectiva integrada -social, económica e ambiental- pola que aposta a Xunta coa estratexia que está a desenvolver o Goberno central cara á eliminación da costa de toda actividade humana e económica.  

Logo de salientar que a lei do litoral é a ferramenta idónea para protexer a costa galega, a vicepresidenta segunda avanzou que a Xunta está á espera de coñecer o contido do recurso e do ditame do Consello de Estado no que se baseou para exercer a lexítima defensa dos intereses da Comunidade.

O conselleiro do Mar destacou, pola súa banda, que é importante continuar os contactos co conxunto dos sectores produtivos e tamén das distintas zonas afectadas, como neste caso cos representantes políticos locais da provincia de Pontevedra. Porque a Lei do litoral galega foi pensada para constituír a mellor defensa tanto para a cadea mar-industria como para garantir o futuro das comunidades costeiras e dos homes e mulleres que viven da actividade marítimo-pesqueira e da transformación dos peixes e mariscos.

Alfonso Villares manifestou que con ese único obxectivo naceu unha norma que está apegada ao terreo e que combina os tres grandes piares nos que se debe asentar o desenvolvemento sustentable da costa galega: o coidado ao medio ambiente e aos ecosistemas, a potenciación das actividades económicas respectuosas coa contorna e o coidado da dimensións social e os servizos aos habitantes das localidades do litoral.

Por iso, o titular de Mar cre que a decisión do Goberno central de presentar o recurso de inconstitucionalidade en contra da lei galega arremete como unha bola de demolición contra as mesmas bases que a sosteñen, pois reafírmase en que se fixo co sector e para o sector, en que é escrupulosa no ámbito ambiental e que pon as actividades tradicionais, como son a pesca e o marisqueo, como prioritarias fronte a calquera outro posible uso que se poda facer do litoral autonómico. Ademais, contou con avais dos maiores expertos xuristas de comunidade e do Consello Consultivo de Galicia.   

Tamén considera sorprendente Alfonso Villares que, en tempos onde se fala de leis de amnistía que van directamente contra a integridade da Carta Magna, se leve ante o Tribunal Constitucional unha lei do litoral que o único que pretende é aportar certezas e estabilidade xurídica a un entorno onde, primeiro, vive máis da metade da poboación de Galicia, e segundo, as empresas da cadea mar-industria contribúen a soster o emprego de máis de 40.000 persoas e a xerar 9.000 millóns de euros de impacto económico. Por iso chamou a que impere o sentido común e se volva a vía do diálogo e o entendemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023