A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta impulsa unha oferta de ocio educativo e tempo libre para a xente nova durante todo o ano

Ademais da Campaña de Verán, destacan programas como Primavera Xove, Día da Xuventude ou o Outono Xove, que nestes momentos ten en marcha a súa terceira edición con 900 prazas para actividades de fin de semana.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo hoxe en valor a oferta de ocio educativo e tempo libre para a xente nova que a Xunta de Galicia impulsa ao longo de todo o ano. Fíxoo na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento autonómico, na que subliñou a aposta decidida do seu departamento porque a mocidade dispoña de alternativas nas que pasalo ben, aprender e adquirir valores en calquera época do ano.

Así, Cristina Pichel referiuse á Campaña de Verán que este ano 2023 volveu marcar un récord de prazas ao superar as 11.200 entre campamentos, campos de voluntariado, intercambios ou os mincampamentos ‘Coñece Galicia’. Ao respecto, sinalou que esta programación estival é a máis ambiciosa de entre todas as comunidades autónomas e supón, ademais, un importante recurso de conciliación para as familias durante os meses de xullo, agosto e setembro; así como un elemento dinamizador do emprego do sector do tempo libre.

Máis alá do verán, a directora xeral expuxo outras alternativas de ocio educativo que ten a xuventude de Galicia, recollidas nos programas Primavera Xove —que se desenvolve nos meses de marzo e abril—, o Día da Xuventude e o Outono Xove. Este último está en marcha nestes momentos e, a través del, ofrécense 900 prazas para actividades de fin de semana destinadas á mocidade de 14 a 30 anos. A día de hoxe, xa hai preto de 500 inscritos.

Actividades nos albergues xuvenís

Os eventos de Outono Xove teñen lugar en sete albergues xuvenís por toda Galicia e na residencia de tempo libre do Carballiño. As propostas son moi variadas e inclúen, entre outras temáticas: a fotografía e a natureza, roteiros con interpretación histórico-ambiental, espeleoturismo, tecnoloxía con realidade virtual, cinema ou escape-room. Ademais, combínanse dous tipos de quendas en función da idade: unha de 14 a 17 anos e outra para maiores de 18 anos.

Cristina Pichel indicou que na edición do ano pasado, con 880 prazas acadouse unha ocupación próxima ao 75% no caso das quendas de maiores de idade, sendo as dos menores de idade as que máis custa, normalmente, completar.

Día da Xuventude nunha trintena de concellos

Cristina Pichel sinalou que este ano se puxo en marcha por primeira vez o Día da Xuventude, con actividades de ocio e educación non formal nunha trintena de concellos. Esta programación incluía actividades de gastronomía saudable, lecer educativo, sensibilización medioambiental, igualdade de xénero, talleres de graffiti e empregabilidade, e accións de información xuvenil. As diferentes accións do Día da Xuventude fomentaron a implicación de máis de 4.300 mozos e mozas, e a Xunta traballa nunha nova edición deste programa.

Por último, a directora xeral de Xuventude sinalou outras accións a maiores, como aquelas que se promoven desde os 12 Espazos Xoves dependentes da Consellería, que recentemente ampliaron o seu horario de apertura aos sábados para dar resposta a unha demanda da xente moza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023