A Xunta impulsará o emprendemento mozo e reforzará a colaboración con AJE Galicia para dinamizar o rural e diversificar a súa economía

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no congreso ‘Emprendemento rural sustentable’ organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios AJE Galicia

Puxo en valor que as iniciativas mozas introduzan novas ideas e oportunidades relacionadas co turismo, a tecnoloxía ou as enerxías renovables

En 2024 a Administración autonómica implantará a cota cero para os novos autónomos e triplicará a contía do convenio con AJE Galicia para apoiar o emprendemento

Pantón (Lugo), 9 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe no congreso da Asociación de Jóvenes Empresarios AJE Galicia sobre Emprendemento rural sustentable no que puxo de relevo o compromiso da Xunta para crear un novo ecosistema emprendedor co gallo de aproveitar o talento mozo da comunidade.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade sinalou que en 2024 se triplicará a colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE-Galicia) ata os 180.000 euros para impulsar o emprendemento e a xeración de emprego na comunidade galega.

Esta cooperación inclúe a posta en marcha de medidas de asesoramento e titorización para a creación de empresas, a formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización de congresos.

Tal e como destacou a representante autonómica, as iniciativas empresariais das persoas máis novas contribúen a dinamizar a economía e a construír un rural con máis e mellores oportunidades. Grazas a elas, o rural benefíciase das novas ideas e oportunidades relacionadas, entre outros, coa tecnoloxía, o turismo, as enerxías renovables ou as producións orgánicas.

A Xunta está a impulsar as iniciativas mozas a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que está a despregar por toda Galicia. Tamén vía convenio, coas universidades públicas galegas, para atraer a comunidade educativa ao autoemprego.

Nesta liña, Rivo lembrou que a Xunta de Galicia implementará en 2024 a cota cero para as novas altas de autónomos. As persoas mozas poderán beneficiarse desta iniciativa que as privará de pagar cota durante os primeiros doce meses de actividade para axudalas no inicio da súa actividade.

O emprendemento no rural xera emprego estable e de calidade, vencellado co territorio. Promove, ademais, prácticas sustentables co medio ambiente e permite atraer investimentos e abrir novas liñas de financiamento.

O Goberno galego cre na  iniciativa empresarial xuvenil como clave na diversificación económica, polo que está a poñer en valor o talento das traballadoras e traballadores en aras de fortalecer a economía local, promover a sustentabilidade e mellorar a calidade de vida das contornas locais, unha misión na que seguirá a colaborar con AJE Galicia.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023