A Xunta creará unha unidade especializada de axentes medioambientais para velar pola protección e a conservación da Galicia verde

Destaca que a medida converterá a Galicia na primeira Comunidade en dotarse cun equipo altamente cualificado e con capacidade para intervir a nivel autonómico, dedicado a previr, indagar e perseguir actuacións que poñan en risco a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade galega

Avanza que a futura brigada asumirá a investigación de condutas graves no eido natural, entre as que citou a detección do uso ilegal de velenos e infraccións na caza ou na pesca continental

A medida complementará a aposta da Xunta pola regulación normativa das áreas protexidas e o esforzo inversor realizado neste eido nos últimos cinco anos

No período 2019-2023 o Executivo galego destinou case 195 M€ á protección, mellora e posta en valor da Rede Natura, dos 6 parques naturais, do parque nacional, das 7 reservas de biosfera e das zonas húmidas e ríos da Comunidade

Destacan as convocatorias de axudas por 21,1 M€ dirixidas a concellos, particulares e entidades para realizar actuacións nestas zonas, proxectos ambiciosos como Mil Ríos ou Life Insular e programas de referencia como a cría ex situ da píllara das dunas
 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a futura creación e posta en marcha dunha unidade especializada de axentes ambientais co fin de velar pola conservación da Galicia verde a nivel autonómico a través de medidas que incidan tanto na prevención como na investigación de actuacións graves que atenten ou poidan poñer en perigo o patrimonio natural da Comunidade.

Así se recolle no informe que presentou esta mañá ante o Consello a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e no cal se detallan as principais actuacións que vén de realizar a Xunta nos últimos cinco anos co obxectivo común de garantir a preservación dos espazos naturais e das especies que albergan.

De cara ao futuro e para seguir avanzando na mesma liña, o mandatario galego explicou que a principal novidade será a formación dun equipo especializado e altamente cualificado (con formación e preparación física axeitadas ás funcións) para indagar e perseguir actuacións que poñan en risco a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade. Cunha dotación inicialmente prevista de 8 persoas pertencentes á escala de axentes ambientais, a futura unidade actuará en toda Galicia polo que terá o carácter de brigada móbil.

O presidente galego adiantou que o seu labor consistirá en asumir a investigación, coordinación e intervención inmediata ante situacións relacionadas cos seguintes ámbitos: detección de uso ilegal de velenos, infraccións na caza de especies silvestres, na pesca continental e na conservación natural cando así o requira a urxencia, relevancia ou especialidade dos feitos.

Rueda salientou que coa posta en marcha desta unidade Galicia converterase na primeira comunidade en contar cunha brigada de axentes medioambientais especializada na conservación do patrimonio natural, que abordarán determinadas materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren dunha especial dedicación, coñecementos específicos, habilidades e competencias particulares e que, ademais, deba facerse de forma coordinada e cunha estratexia única en todo o territorio autonómico.

De feito e como novidade, a galega será a primeira brigada prevista na normativa autonómica exclusivamente para investigar, coordinar e intervir no eido das infraccións relativas á conservación natural, á caza e á pesca e á detección do uso ilegal de velenos.

Tras informar esta mañá ao Consello, a Xunta abrirá de seguido un proceso de diálogo social cos sindicatos que representan ao colectivo para chegar a un acordo sobre a organización, funcionamento e provisión de postos do equipo.

Avances normativos e esforzo inversor

A futura unidade de investigación para a conservación da natureza (Uicon) virá complementar o labor que xa realizan agora os 165 axentes adscritos á Vicepresidencia Segunda, que exercen sobre o terreo funcións de policía, custodia e vixilancia dos bens de natureza ambiental e asumen un papel activo en moitas das accións impulsadas para velar pola conservación do patrimonio natural e na aplicación da normativa vixente.

Neste sentido, o informe Galicia verde 2019-2023 detalla as principais actuacións realizadas pola Xunta neste período para preservar os espazos naturais, así como as diferentes especies que neles habitan, destacando en especial a aposta polas actuacións impulsadas no eido normativo e o esforzo inversor realizado neste capítulo.

Entre os fitos máis importantes dos últimos cinco anos cómpre salientar a entrada en vigor da nova Lei de patrimonio natural e da biodiversidade, ao tempo que se completou a aprobación dos plans reitores e de usos e xestión dos 6 parques naturais galegos e do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Neste período tamén se lle deu luz verde aos plans de conservación dos monumentos naturais Souto da Retorta e Fraga de Catasós, se aprobou a orde reguladora do uso público nos illotes dos Guidoiros (Areoso) e illa da Rúa e se avanzou na redacción e tramitación dos instrumentos de ordenación correspondentes a Costa de Dexo, A Carballa da Rocha, Serra de Pena Corneira e Penedos de Pasarela e Traba.

En canto aos investimentos, o informe recolle tamén que no período 2019-2023 o Executivo galego destinou case 195 millóns de euros a garantir a protección, mellora e posta en valor da chamada Galicia verde, con especial atención ás zonas Rede Natura, aos 6 parques naturais, ao parque nacional, ás 7 reservas de biosfera, ás zonas húmidas, ríos e outros espazos protexidos da Comunidade, en que o 42 % do territorio está amparado baixo algún tipo de figura de protección.

En concreto, cómpre destacar os 21,1 millóns de euros mobilizados nos últimos anos a través das sucesivas convocatorias de axudas para impulsar accións e proxectos en diferentes espazos protexidos dirixidas a concellos, particulares, empresas, asociacións e outro tipo de entidades, incluídos os órganos xestores das reservas de biosfera que non están baixo a titularidade da Xunta.

Actuacións directas e con socios colaboradores

A Xunta tamén executou neste período actividades de posta en valor do patrimonio natural e de protección de determinadas especies grazas a convenios subscritos con diversos organismos do eido educativo—como as tres universidades galegas ou o Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia—, ou entidades sen ánimo de lucro como a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños.

Así mesmo, merecen unha mención especial dous proxectos plurianuais liderados polo Goberno galego e cunha incidencia directa sobre a natureza e a biodiversidade. Son, en concreto, o proxecto Mil Ríos, un conxunto de accións para a recuperación e restauración de zonas húmidas e espazos fluviais da Comunidade, cun investimento de 5 millóns de euros e grazas ao cal se mellorará a resiliencia de 260 km de ríos galegos.

O outro proxecto é o Life insular, unha iniciativa de carácter transnacional liderada por Galicia cuxo fin é lograr a restauración integrada dunha serie de hábitats propios das illas do Océano Atlántico, entre as que destacan 3 das 4 Illas Atlánticas (Cíes, Ons e Sálvora), e cun orzamento de 5,2 millóns de euros.

No parágrafo da biodiversidade e da conservación de hábitats cómpre salientar a elaboración dos censos do oso pardo cantábrico (de forma conxunta con Asturias, Cantabria e Castela e León) e do lobo ibérico en Galicia e tamén proxectos pioneiros que son xa todo un referente como o programa de conservación ex situ (en catividade) da píllara das dunas e o do mazarico real, dirixidos por persoal da Xunta e que se desenvolven desde hai anos nos centros de recuperación de fauna de Cotobade e Oleiros.

Neste capítulo tamén cómpre mencionar as actuacións para a conservación ex situ das náiades que se levan a cabo, neste caso, no centro ictioxénico do Veral (Lugo) en colaboración coa Universidade de Santiago.

Por último, no período 2019-2023 déuselle un pulo especial ás accións de voluntariado ambiental en espazos naturais especialmente senlleiros, cunha mención particular ao programa de voluntariado interxeracional impulsado en 2021 xunto á Consellería de Política Social e Xuventude e en que participaron xa preto de 1.600 persoas. Coa finalidade de sensibilizar a cidadanía e fomentar o respecto polo patrimonio natural pola vía da participación activa, as accións de voluntariado xunto coas de divulgación ambiental tamén contribuíron a protexer e preservar a Galicia verde.

 
 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023