A Xunta avoga por unha transición gradual da industria da automoción europea

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participa en Navarra na conferencia anual da Alianza das Rexións con Industrias da Automoción (ARA)

Reivindica a necesidade dun Fondo de transición xusta e plans de reactivación sectorial, así como programas de formación para os traballadores

Subliña a importancia para a economía galega deste sector, que alcanzou no 2022 unha cifra de negocios de 11.500 millóns de euros, e o papel que xoga na súa competitividade o clúster Ceaga

Pamplona (Navarra), 9 de novembro de 2023

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou hoxe en Navarra na conferencia anual da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA), onde, partindo da base do respaldo á Unión Europea na defensa do medio ambiente, avogou por unha transición gradual da industria da automoción, e pola posta en marcha en paralelo de medidas en diferentes áreas de traballo, como un Fondo de transición xusta para rexións da automoción, e plans de reactivación e rexeneración sectorial, así como programas de formación para os traballadores.

Na súa intervención, Nicolás Vázquez amosou a súa confianza en que, coas propostas xurdidas no seo da Alianza que hoxe se reúne, se poderá colaborar e impulsar iniciativas que permitan manter o posicionamento da industria europea do automóbil a medio e longo prazo, cuxa actividade económica e xeración de emprego é vital para as rexións representadas.

Neste sentido, lembrou que, a pesar das circunstancias derivadas dos problemas de provisionamento e do encarecemento de materias primas, o sector galego da automoción alcanzou no 2022 unha cifra de negocios de 11.500 millóns de euros, un 3% máis que no ano anterior. Do mesmo xeito, o secretario xeral de Industria destacou o importante papel que xoga na competitividade do sector o Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia, que aglutina a 200 empresas con máis de 23.000 traballadores directos.

​​A Alianza de Rexións con Industria da Automoción, unha iniciativa do Comité Europeo das Rexións, é unha rede comprometida co éxito da transición xusta da industria europea da automoción e de compoñentes. Está formada por 34 rexións de sete Estados membros: Alemaña, Austria, Eslovaquia, España, Francia, Italia e República Checa. As rexións españolas que forman parte de ARA son Andalucía, Castela e León, Cataluña, Navarra, País Vasco e Valencia, ademais de Galicia, unha das rexións fundadoras grazas ao traballo da Fundación Galicia Europa.

No encontro celebrado hoxe as rexións participantes comprometéronse coa denominada Declaración de Navarra sobre o futuro do sector. Tamén se asinou un acordo entre o sector público e o sector privado, asinado por ARA, o Grupo Interrexional do Futuro do Sector do Automóbil do Comité Europeo das Rexións (CoRAI) e a Alianza de capacidades do sector automobilístico (ASA). Este acordo de traballo busca garantir conxuntamente unha transición xusta e sustentable das rexións europeas con industria de automoción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023