A Xunta deixa a punto o CEIP de Armenteira coa reforma de preto de 600 metros cadrados de cuberta

A obra, que mellorou o illamento do edificio, contou cunha inversión de máis de 43.000 euros

O delegado territorial destacou o CEIP de Armenteira como un exemplo de calidade nos servizos e na educación que presta ao alumnado

Meis, 9 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEIP de Armenteira, onde a Xunta levou a cabo unha obra de reforma da cuberta.

Estes traballos contaron cunha inversión de máis de 43.000 euros por parte do goberno autonómico e permitiron reformar unha parte do tellado de aproximadamente 600 metros cadrados.

Trátese dunha obra demandada polo persoal do centro e que arranxou as goteiras que viñan sufrindo. O delegado territorial destacou o bo estado das instalacións que, solucionado o problema da cuberta, conta con material, aulas e servizos máis que suficientes para albergar á trintena de alumnos e alumnas que cada día acoden ás instalacións.

“Dende a Xunta seguiremos traballando ao voso carón para cubrir calquera necesidade que poidades ter de aquí en diante, pero queda claro que grazas ao voso esforzo e ao empeño do goberno autonómico, conseguimos facer do CEIP de Armenteira un exemplo de bos servizos e educación de calidade”, asegurou o delegado territorial ao equipo directivo.

Reguera tamén puido visitar os novos paneis interactivos instalados pola Xunta neste ano lectivo. En total, a administración subministrou e instalou 9.000 ordenadores táctiles de última xeración en centros de toda Galicia, que tiveron un custo de preto de 24 millóns de euros. 

Cabe destacar que a reforma da cuberta encádrase dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta 2021-2024 que neste período contempla unha inversión total en toda a provincia que supera os 48 millóns de euros. Solo no inicio deste curso, as obras de mellora dos centros escolares levadas a cabo na comarca do Salnés alcanzan o millón de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023