A Xunta suma a Cosecha de Galicia SL ás empresas adheridas ao convenio marco de colaboración no contexto AKIS impulsado por AGACAL

A empresa propuxo un programa para a innovación en cultivos de interese que permita a súa utilización como materias primas en bebidas

Este convenio marco de colaboración público-privado impulsado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria foi posto en marcha en xullo do 2021, para poñer a disposición do sector agrario a actividade investigadora dos distintos centros que dirixe a Axencia

Abegondo (A Coruña), 9 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a comisión de coordinación do convenio marco de colaboración da Axencia con representantes de diferentes empresas no marco do proxecto AKIS -Agricultural Knowledge and Innovation Systems ou Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícola Galego, SCIAGA-. Nesta reunión, celebrada no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a entidade Cosecha de Galicia SL sumouse ao convenio marco tras propoñer un acordo programa de colaboración para a innovación en cultivos de interese que permita a súa utilización como materias primas en bebidas.

Esta proposta dará cobertura á contratación de dous investigadores en formación por un período de 25 meses para desenvolver actividades relacionadas có cultivo do lúpulo, a produción e calidade organoléptica de variedades locais de mazá de sidra do Banco de xermoplasma de recursos fitoxenéticos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e sobre cereais e novos cultivos para a elaboración de cervexa.

Así mesmo, durante a xornada os representantes e membros da comisión de seguimento foron informados por cada un dos investigadores implicados nas diferentes actividades do progreso e grao de consecución de obxectivos de cada un dos programas de colaboración que se están a desenvolver e se expuxeron as liñas xenéricas das actuacións que se pretenden desenvolver no marco da colaboración coa nova entidade, Cosecha de Galicia SL. Tamén, puxéronse de manifesto as propostas de programación de proxectos a financiar por cada entidade adherida durante a próxima anualidade.

Sobre o convenio

Este convenio marco de colaboración público-privado impulsado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria foi posto en marcha en xullo do 2021 para poñer a disposición do sector agrario a actividade investigadora e de transferencia dos distintos centros que dirixe a Axencia: o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIFL) e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

Para elo, seguindo a orientación dun enfoque AKIS, cun sistema de xestión baseado no conxunto da organización e mecanismos de xeración e transmisión de coñecementos entre persoas, organizacións e institucións usan e producen este coñecemento para promover o seu uso no ámbito agrario.

Empresas adheridas

A Fundación Juana de Vega foi a primeira en asinar este convenio co fin de desenvolver actividades de investigación, innovación e transferencia de coñecemento en materia agroalimentaria e forestal. Este se materializou nun acordo para a caracterización, recuperación, conservación e transferencia da biodiversidade xenética vexetal de interese agrario de Galicia. Este acordo financia a contratación de 5 investigadores durante as anualidades 2022 a 2024 para desenvolver actividades de conservación, renovación, caracterización e mellora xenética de castes tradicionais de millo e especies forraxeiras pratenses, variedades de vide e de castiñeiro e piñeiro.

De entre as empresas que conforman o convenio tamén está Sementares SL, que se adheriu a este convenio co desenvolvemento dun acordo programa sobre a mellora de caracteres de influencia na conservación e comercialización do tomate Negro de Santiago, unha primeira fase de selección de plantas de pemento e tomate con resistencia a enfermidades, multiplicación de variedades de cebola e actuacións para a mellora da variedade rexistrada de leituga Lugo.

Cómpre destacar que este convenio marco de colaboración está aberto a calquera entidade que desexe formar parte del. Aquelas empresas interesadas deberán levar unha proposta de programa de colaboración á comisión de seguimento que, trala súa aprobación, será desenvolvida polos centros de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en estreita colaboración coa entidade propoñente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023