A Xunta colabora na edición da guía didáctica sobre Frei Martín Sarmiento que lle achega a figura do primeiro filólogo galego á rapazada

O escritor e erudito beneditino dedicou gran parte da súa vida ao estudo e promoción da lingua galega, o que lle valeu a dedicatoria das Letras Galegas 2002

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación deste traballo, enmarcado na conmemoración, en 2022, dos 250 anos do falecemento de Sarmiento
 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da guía didáctica sobre Frei Martín Sarmiento, elaborada polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), o centro de investigación mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia. O obxectivo desta guía, elaborada no marco da conmemoración o pasado 2022 dos 250 anos do falecemento do Padre Sarmiento, é achegar a rapazada, dun xeito divulgativo, á vida, viaxes, escritos e pensamentos do considerado o primeiro filólogo galego, figura homenaxeada nas Letras Galegas 2002.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades insistiu na necesidade de achegarlles aos máis novos a figura de Frei Martín Sarmiento, “un home con intereses amplísimos e que, a pesar de vivir moito tempo fóra de Galicia, sempre amosou preocupación pola súa lingua, pola súa cultura e, en xeral, polo seu progreso”. O secretario xeral de Política Lingüística considerou que materiais como esta rigorosísima, coidadísima e divertida guía didáctica son moi útiles para divulgar entre a rapazada a vida, a obra e o exemplo do frade bieito”.

Canda Valentín García, tamén participaron na rolda de prensa, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, Pablo S. Otero, director do IEGPS; Jeniffer Fernández González, en representación dos autores da obra (ela mesma, Miguel García Fernández e María Rivo Vázquez, persoal técnico investigador do IEGPS) e Patricia Díaz Soto, ilustradora da guía.

15 bloques temáticos

A publicación, dirixida ao público escolar a partir dos oito anos, afonda nas achegas do escritor e erudito beneditino sobre temas tan diversos como as ciencias naturais, o patrimonio documental e histórico-artístico, a lingua galega ou a condición das mulleres. Todo iso a través de textos, ilustracións e actividades que se acompañan dun xogo de cartas sobre o patrimonio monumental que Frei Martín Sarmiento puido ver nas súas viaxes por Galicia.

Está dividida en 15 bloques temáticos, completados coas súas respectivas actividades didácticas. Ademais, incorpora varios Sabías que...? que permiten ampliar os contidos a través de curiosidades, explicacións sobre termos técnicos, citas literarias e exercicios. Así mesmo, agocha unha mensaxe secreta ao longo das súas páxinas que a rapazada terá que descifrar.

A guía pode descargarse gratuitamente na páxina web do IEGPS e na da Editorial CSIC.

A figura de frei Martín Sarmiento

Pedro José García de Balboa (Vilafranca do Bierzo, 1695 – Madrid, 1772), máis coñecido como Frei Martín Sarmiento, foi un escritor, teólogo e erudito beneditino pertencente á Ilustración. Amante da lectura, a escritura e as viaxes, sentía especial curiosidade polas linguas, sobre todo polo castelán e o galego. Con respecto a esta última, defendeu que se empregase como idioma vehicular nas escolas e que fose utilizado polos curas nas súas relacións cos fregueses.

Adiantado ao seu tempo, combateu a ignorancia propoñendo a fundación de bibliotecas e compartiu sempre a súa preocupación polo nivel técnico e económico do país, así como pola salvagarda das tradicións e das culturas populares, a galega entre elas. Ademais, amosou tamén o seu interese por outras disciplinas, como a botánica e a medicina.

En 1943 fundouse o Instituto de Estudos Galegos que leva o nome do Padre Sarmiento como homenaxe ao sabio bieito.

Data de actualización: 09/11/2023