A Xunta inviste 119.000 euros nun simulador de traballos forestais para o centro de formación de Becerreá

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que mellora o adestramento no uso de maquinaria e permite programar e rexistrar resultados do usuario e do equipo

Becerreá (Lugo), 9 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia incorporou este curso un simulador de traballos forestais no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Alta Montaña de Becerreá, no que investiu 119.185 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións e comprobou o funcionamento do simulador, que permite ao alumnado adestrar axeitadamente antes de empezar a usar a maquinaria no bosque. Ademais, incorpora distintos programas e  pode rexistrar os datos do usuario e os resultados do equipo.

Así, pódense combinar os programas de simulación para procesadora, autocargador e retroescavadora, experimentando en diferentes escenarios; mesmo se achega á aparencia da contorna real de traballo seleccionando o terreo, a paisaxe e o tipo de árbore. Igualmente, posibilita a avaliación de distintos métodos de traballo para atopar os máis eficaces e rendibles.

O CFEA de Becerreá depende da Consellería do Medio Rural, en concreto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e imparte dous ciclos de formación profesional: o ciclo medio de Aproveitamento e conservación do medio natural e o ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural. Tamén desenvolve unha ampla oferta de formación continua para profesionais do sector agropecuario.

O complexo conta con explotación cabalar, bovino e forestal, así como apiarios e campos de ensaio; recentemente realizáronse reparacións na cuberta de lousa do edificio principal, na zona situada sobre os despachos e o comedor, cun investimento de 128.400 euros.

Arias subliñou a importancia de “ofrecer unha formación de calidade que promova a incorporación de novos profesionais ao sector primario, fundamental na nosa provincia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023