A Xunta aposta por que a xeotermia adopte un papel relevante no mix enerxético

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, abriu esta mañá en Santiago de Compostela unha xornada informativa sobre xeotermia, organizada por Acluxega

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Santiago de Compostela na apertura dunha xornada informativa organizada pola Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega) sobre liñas de financiamento e proxectos de referencia no eido da xeotermia. Na súa intervención, apostou por que a enerxía xeotérmica adopte un papel destacable no mix enerxético.

Neste sentido, destacou que a Xunta acompañará este proceso con novas convocatorias de axudas e informou que, desde 2015, o Goberno galego leva destinado apoios para preto de 1.000 proxectos de xeotermia dirixidos tanto a particulares como empresas que mobilizaron 18 M€. Ademais, lembrou que a Axenda Enerxética de Galicia 2030 recolle a previsión de chegar aos 68 MW térmicos a finais desta década no que se refire á potencia das bombas de calor xeotérmicas.

Pablo Fernández Vila explicou que a xeotermia ten un gran potencial en Galicia, tal e como demostra o crecemento acadado nos últimos anos no emprego de bombas de calor e District Heating utilizando esta fonte enerxética.

Na súa intervención tamén puxo en valor o traballo e a colaboración de Acluxega, coa que nos últimos anos se teñen firmado convenios para realizar actividades divulgativas e formativas, así como estudos do papel da xeotermia na transición enerxética, o desenvolvemento dunha metodoloxía para dispor dunha base de datos actualizada e a elaboración do Plan de promoción e impulso da xeotermia en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023