Preto dunha vintena de establecementos turísticos e axencias de viaxes de Ferrol, Eume e Ortegal xa se incorporaron á campaña do bono turístico da Xunta

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao Hotel Herbeira, de Cedeira, onde destacou o éxito acadado un ano máis pola iniciativa coa que Turismo de Galicia pretende incentivar o turismo interno fóra de temporada

Os bonos, a través dos que se accede a descontos do 40% en cada compra ata rematar o saldo de 100 euros, poderán empregarse ata o 25 de decembro

As empresas poden seguir adheríndose ata o 1 de decembro
 

Cedeira (A Coruña), 9 de novembro de 2023

Un total de 19 establecementos turísticos e axencias de viaxes das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal xa se sumaron polo de agora á campaña do bono turístico # que promove a Xunta de Galicia coa fin de incentivar o turismo interno fóra da tempada alta.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao Hotel Herbeira, en Cedeira, un dos establecementos adheridos a esta iniciativa de Turismo de Galicia onde destacou o éxito acadado pola iniciativa que “esgotou en cuestión de minutos os 10.000 bonos dispoñibles”, lembrou. “Este interese suscitado reflicte o auxe que está a adquirir o turismo en Galicia, especialmente nesta zona que ten apostado por un turismo máis sostible, moi vinculado á natureza”, apuntou.

Así destacou os bos resultados acadados pola iniciativa o pasado ano cando se realizaron máis de 7.000 operacións en toda Galicia.

Durante a visita, Aneiros lembrou que os negocios que queiran participar na iniciativa dispoñen ata o 1 de decembro para adherirse na web do programa. Os bonos, a través do que se accede a descontos do 40% en cada compra ata rematar o saldo de 100 euros, poderán empregarse ata o 25 de decembro.

A delegada recordou que os bonos turísticos comparten a filosofía da Xunta a prol de desestacionalizar o turismo na Comunidade con iniciativas como o Outono Gastronómico de Turismo Rural que promove estadías de fin de semana e menús gastronómicos con produtos autóctonos en casas rurais e estará vixente ata o 17 de decembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023