A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións municipais de Ribadumia

A directora xeral de Administración Local visitou actuacións desenvolvidas no marco dun proxecto que contou con 140.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local
 

Actuouse nos edificios do Colexio Rural Agrupado de Lois, Leiro, Ribadumia e Sisán, na Casa da Cultura, no consistorio e nos vestiarios do campo de fútbol da Bouza, así como nas instalacións de servizos sociais
 

Ribadumia (Pontevedra), 9 de novembro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou Ribadumia para comprobar as melloras enerxéticas realizadas co apoio da Xunta na Casa da Cultura e no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Lois. Estas obras forman parte dun proxecto que inclúe oito actuacións noutras tantas instalacións municipais e que contou cunha achega que suma 140.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. 

A meirande parte delas consistiron na instalación de bombas de calor para reducir o consumo enerxético e para garantir o confort das persoas usuarias dos distintos equipamentos. Deste xeito mellorouse o sistema de calefacción e de auga quente dos edificios do CRA das parroquias de Lois, Leiro, Ribadumia e Sisán, da Casa da Cultura, da casa consistorial e dos vestiarios do campo de fútbol da Bouza, en Barrantes. A maiores, no edificio municipal de servizos sociais, actuouse sobre a envolvente cun revestimento SATE para evitar a perda de enerxía a través da fachada.

Segundo sinalou a directora xeral, a Xunta está a impulsar a eficiencia enerxética nos edificios públicos municipais de Galicia a través de distintas liñas. Ademais do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, como foi este caso, os concellos contan co Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 8,2 millóns de euros e que inclúe as melloras enerxéticas entre os proxectos financiados.  

Apoio á sustentabilidade e o confort

Natalia Prieto destacou que este compromiso coa eficiencia enerxética, a sustentabilidade, o aforro e o confort se vai reforzar nos anos 2024 e 2025 co lanzamento dunha nova orde plurianual, dotada con 5,3 millóns de euros confinanciados con fondos Feder. 

Prieto incidiu no apoio do Goberno galego ao eido local a través de medidas que facilitan impulsar accións tanto a prol das infraestruturas como da contorna natural. Concretamente no concello de Ribadumia este apoio materializouse nos últimos anos na posta en marcha de distintos proxectos que suman achegas de 1,2 millóns de euros. Entre as accións financiadas inclúense traballos de conservación nos núcleos rurais, e melloras nas redes de abastecemento e nos parques infantís municipais, entre outras. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2023