O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta orde de axudas

A Xunta apoia a 104 entidades sociais no mantemento dos seus programas e servizos de inclusión

O orzamento total da orde é de 19,7 millóns de euros, o máis alto dedicado a subvencionar iniciativas sociais no ámbito do terceiro sector

Os fondos destínanse a apoiar o funcionamento de comedores sociais, albergues ou centros de acollida, así como programas para favorecer a inclusión sociolaboral e residencial de colectivos vulnerables

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas destinadas a entidades de iniciativa social para o mantemento dos seus servizos e programas, cofinanciada con fondos do Programa Operativo FSE+ 2021-2027. Resultaron beneficiadas 104 entidades que traballan no ámbito da inclusión social ás que se destinarán 19,7 millóns de euros en actuacións que se realicen nos dous vindeiros anos, trátase do importe máis alto dedicado a este fin, cun incremento de case o 8% con respecto á anterior orde plurianual.

Permitirá subvencionar o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social —como comedores, albergues ou centros de acollida—, propostas centradas en fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas inmigrantes ou daquelas en situación de risco de exclusión social, así como actuacións específicas dirixidas ás persoas sen fogar.

En concreto, esta orde de entidades regula axudas dirixidas á cobertura de necesidades básicas como aloxamento ou manutención e, neste sentido, a través dela a Xunta garante que todos os centros de inclusión e emerxencia social das entidades que cumpran cos requisitos recibirán subvención.

Tamén se facilitarán achegas para o desenvolvemento de itinerarios de inclusión sociolaboral, formación en competencias clave ou dixitais, mellora das competencias ou programas de mediación intercultural que teñan como destinatarios colectivos especialmente vulnerables. Así mesmo, nesta convocatoria refórzanse de novo as medidas dirixidas ás persoas sen fogar ao incorporar unha liña de accións de apoio á inclusión residencial.

Data de actualización: 09/11/2023