O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de axudas

A Xunta subvenciona o servizo de comedor nas escolas infantís de iniciativa social con máis de 1,2 M€

Estas axudas permitirán que máis de 1.900 familias que levan os seus nenos a estes centros paguen o comedor en función da súa renda

O prezo máximo que terán que aboar será de 74 euros mensuais e as familias con menos recursos terán o servizo de balde

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas para subvencionar o servizo de comedor nas escolas infantís de iniciativa social (EPIS). Unha orde que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e que permitirá axudar ás máis de 1.900 familias que levan os seus nenos a estes centros a pagar en función da súa renda. Así, o prezo máximo que terán que aboar son 74 euros ao mes; e as familias con menos ingresos terán o servizo gratuíto.

No curso pasado foron un total de 40 escolas infantís dependentes de entidades sen ánimo de lucro, que suman máis de 1.900 prazas de 0 a 3 anos, as que se acolleron a esta orde de axudas. Estes centros, ao igual que os públicos e os de titularidade privada, teñen a atención educativa gratuíta para todo o alumnado. O prazo para solicitar estas axudas por parte dos centros será dun mes a partir de mañá venres.

A Xunta destinará o vindeiro ano 2024, 60 millóns de euros de fondos propios a financiar a gratuidade no 100 % das escolas infantís, medida da que se poden beneficiar máis de 31.000 familias galegas e que supón para elas un aforro de 2.000 euros por curso. Outras medidas de apoio aos pais impulsadas polo Executivo autonómico son a Tarxeta benvida, as casas niño ou o Bono concilia familia.

Data de actualización: 09/11/2023