O conselleiro de Sanidade salienta o impulso do Clúster Saúde de Galicia no desenvolvemento do ecosistema de innovación sanitario galego

Así o indicou o titular da carteira sanitaria da Xunta na VIII edición do foro Retos Internacionais do Ecosistema de Saúde 23

Comesaña incidiu na colaboración público-privada e na contribución das empresas á mellora da sanidade galega
 

Vigo, 8 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde en Vigo o VIII Fórum Retos Internacionales del Ecosistema Salud (RIES’23): Ecosistemas innovadores de saúde, un evento no que destacou o impulso que está a acadar a innovación no sistema sanitario galego, mediante o labor que realiza o Clúster Saúde de Galicia.

Durante as xornada de hoxe e mañá, a cidade olívica acollerá o foro internacional organizado polo Clúster Saúde de Galicia, na que expertos nacionais e internacionais dos sectores sanitario, sociosanitario, e do ámbito da informática e as novas tecnoloxías, abordarán as oportunidades e o retos que presenta o ámbito da Sanidade.

Entre os temas que se analizarán nesta oitava edición do RIES’23, destacan a abordaxe da lonxevidade poboacional, os avances rexistrados no eido da biotecnoloxía, a OneHealth, ou as novas posibilidades que a nivel sanitario ofrece a irrupción da Intelixencia Artificial.

“Os principais retos aos que nos enfrontamos pasan por desenvolver unha cobertura sanitaria integral que incida na mellora da saúde da poboación”, precisou o conselleiro, ao tempo que avogou por “seguir traballando para acadar unha maior da esperanza de vida e, particularmente, máis anos de vida saudables”.

Acompañado pola presidenta do Clúster Saúde de Galicia, Rocío Mosquera, o responsable do departamento sanitario da Xunta destacou a relevancia que posúe a colaboración público-privada no desenvolvemento de novas solucións para o coidado da saúde da poboación.

Neste senso, Comesaña remarcou que, durante a última década, o Servizo Galego de Saúde realizou investimentos por máis de 100 millóns de euros no ámbito da innovación sanitaria, citando algúns dos proxectos máis representativos do Sergas, como poden ser: os pioneiros ‘H2050’ e ‘InnovaSaúde’, ou os actuais ‘Código 100’ e ‘Innovatrail’.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor a celebración desta nova edición do Forum RIES’2023, un evento que permitirá artellar mesas redondas e ágoras, e nas que personalidades dos ámbitos público, científico, tecnolóxico e empresarial, intercambiarán coñecemento e experiencias.

Así, pechou a súa intervención avogando por continuar coa colaboración entre a Administración sanitaria e as empresas do sector das TIC, na procura de acadar o seu obxectivo común “desenvolver sistemas máis eficaces” e “solucións adaptadas aos profesionais e pacientes”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023