A Xunta agradece o labor dos concellos do Camiño Francés nestes 30 anos como Patrimonio da Humanidade

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participan nos actos organizados pola Mancomunidade de municipios

Madrid, 8 de novembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, agradeceron hoxe aos Concellos do Camiño Francés o seu esforzo e compromiso nestes 30 anos desde que o itinerario Xacobeo foi recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Así o manifestaron no transcurso dos actos de conmemoración que organizou hoxe a Mancomunidade de municipios do Camiño Francés en Madrid con motivo desta efeméride. O director de Turismo de Galicia salientou “os importantes pasos dados nestas tres décadas grazas ao intenso labor dos concellos, que son a esencia da ruta xacobea”.

Puxo de manifesto, ademais, os retos e oportunidades actuais, nun momento no que a peregrinación “está a medrar nos distintos itinerarios”, para o que, como explicou, a Xunta conta cunha folla de ruta, o Plan Director dos Camiños de Santiago, por máis de 100M€ para mantemento, conservación e promoción das rutas xacobeas.

Data de actualización: 08/11/2023