A delegada territorial da Xunta en Ferrol presidiu esta mañá a Comisión Territorial de Coordinación da Delegación

Martina Aneiros avalía cos xefes territoriais os principais investimentos da Xunta nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal nos orzamentos de 2024

A representante do Goberno galego destacou os importantes investimentos en infraestruturas sanitarias, instalacións deportivas ou obras de saneamento que recibirá a cidade e os municipios da zona
 

Ferrol, 8 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiu esta mañá a Comisión Territorial da Coordinación na que fixo un repaso polos principais investimentos que a Xunta recolle nos Orzamentos de 2024 na zona.

Durante a reunión na que participaron os xefes territoriais das distintas consellerías, Aneiros destacou os importantes investimentos en infraestruturas sanitarias, instalacións deportivas ou obras de saneamento que recibirá Ferrol e as súas comarcas. Puxo o aceno nos 19 M€ consignados para continuar coas obras do Plan Director do CHUF (14 M€ de euros para as obras da fase I e 5 M€ para a licitación do proxecto da fase final).

Destacou tamén os 1,5 M€ para 2024 para a renovación das instalacións deportivas da cidade, un compromiso que lembrou “saíu da reunión mantida entre o Presidente da Xunta e o alcalde de Ferrol e xa se recolleu no documento orzamentario”. Na mesma liña resaltou o compromiso da Xunta coa mellora do casco histórico da cidade, “non só a través do programa Rexurbe para cuxo desenvolvemento habilitouse unha partida de 1,15 M€ para o próximo ano, senón tamén a través dun acordo co Concello de Ferrol para a rexeneración urbana dos barrios da Magdalena, Ferrol Vello e Esteiro dotado con 9 M€ plurianualizados (1,5 M€ en 2024)”, recordou a representante do Goberno galego.

“Os orzamentos da Xunta tamén apostan pola mellora de infraestruturas na nosa cidade como os 12,5 M€ plurianualizados (410.000 euros en 2024) para manter o compromiso de financiar nun 70% as obras do saneamento da zona rural; os 600.000 euros para as obras do colector do río Sardiña; os 5,5 M€ plurianualizados para o proxecto de Abrir Ferrol ao Mar ou os 2,63 M€ para seguir avanzando no fomento da mobilidade sostible na fachada marítima de Ferrol”, citou Aneiros. A delegada tamén lembrou os 280.000 euros consignados para o aparcadoiro disuasorio de San Xoán e os 120.000 para a estación intermodal, “a pesares da falta de compromiso do Goberno do Estado con esta infraestrutura”.

O documento orzamentario recolle ademais investimentos en infraestruturas en municipios da comarca como os 4,45 M€ plurianualizados para a mellora do abastecemento en Ares ou os 2,9 M€ para as obras da fase II e III do saneamento de Pontedeume e Cabanas, entre outros.

Máis investimento en melloras sociais

Aneiros tamén destacou o incremento nun 18% do orzamento da Consellería de Política Social e Xuventude na cidade con respecto ao do ano pasado, “cun importante investimento en infraestruturas sociais fundamentais para a cidade como os 1,5 M€ para as obras na residencia de maiores de Caranza ou os 200.000 euros consignados para obras no centro de menores de Ferrol”, recalcou.

“Os veciños e veciñas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal son unha prioridade para a Xunta e iso tamén se reflicte no investimento destinado ao mantemento de servizos tan importantes como os vinculados ao servizo de axuda no fogar (3,7 M€), á gratuidade das escolas infantís (1,6 M€) ou á dependencia( 4,2 M€)”, sinalou Aneiros. Neste último concepto a Xunta duplica a partida con respecto ao ano pasado na que xa inclúe o bono universal de Coidados no Fogar de 5.000 euros ao ano e o complemento de 1.200 euros para os dependentes que empreguen unha residencia da súa elección.

En materia de emprego e igualdade, a delegada lembrou os 120.000 euros consignados para o polo de emprendemento e apoio ao emprego Rías Altas e Arco Ártabro ou os 1,1 M€ para financiar o centro de crise para a atención 24 horas ás vítimas de agresións sexuais de Ferrol que entrará en funcionamento no primeiro semestre do próximo ano no hospital Novoa Santos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023