O Sergas reabrirá o consultorio de Goián cun médico e unha enfermeira especialista en atención familiar e comunitaria

Neste centro, o conselleiro de Sanidade dixo no Parlamento que se porá en marcha unha iniciativa piloto onde a saúde comunitaria cobrará unha especial relevancia

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no Parlamento de Galicia, que o Sergas comezará, proximamente, á reapertura do consultorio de Goián, no concello de Tomiño, poñendo en marcha unha pilotaxe dun ano onde se acollerá un novo concepto de consultorio, no que a saúde comunitaria cobrará unha especial relevancia.

Tal e como detallou o conselleiro, este centro estará atendido por un profesional de medicina e unha enfermeira especialista en atención familiar e comunitaria, que traballarán de xeito coordinado na orientación comunitaria.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo que este consultorio seleccionouse como centro piloto polas súas características poboacionais e xeográficas, así como polos recursos comunitarios á súa disposición, tendo unha poboación equilibrada entre sexos e ao longo de todos os rangos de idade adulta.

Mediante este proxecto, Comesaña sinalou que o consultorio non só recuperará a actividade normal interrompida pola covid, senón que será un centro pioneiro en todo o territorio.

O conselleiro remarcou que actualmente o conxunto das comunidades autónomas están a atravesar un problema xeral de escaseza de médicos, en especial da especialidade de medicina familiar e comunitaria. Esta escaseza converteu a cobertura de determinadas prazas nunha tarefa complexa, por iso o Sergas atópase na procura de médicos de familia, tanto para substituír os profesionais de baixa como para cubrir as vacantes que vaian quedando libres. Isto fai que nalgúns centros de saúde e consultorios existan problemas para cubrir as ausencias, o que obriga a reorganizar a asistencia sanitaria en determinados centros, en especial nos consultorios, para poder prestarlle este servizo á cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023