A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade defendeu hoxe no Parlamento esta liña ferroviaria estratéxica para a conexión das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra, e tamén para a comunicación de Galicia con Asturias e como continuación cara ao País Vasco

Ethel Vázquez reclama ao Goberno central a modernización do Feve Ferrol-Ribadeo e a dotación do material rodante comprometido para poñerlle fin ao abandono deste servizo

Vázquez Mourelle apunta á falta de vontade política para converter o ferrocarril de vía estreita nunha alternativa de transporte que, en primeiro lugar, funcione e, despois, resulte útil á mobilidade diaria dos cidadáns das comarcas que atravesa

Censura a exclusión de Galicia da medida excepcional do Goberno central de manter a gratuidade deste servizo ata 2026 como compensación ao despropósito que supuxo errar no cálculo das medidas dos novos trens

Sinala a falta de resposta clara e satisfactoria do Goberno ante a merma gradual na calidade dos servizos, que está a impactar moi negativamente na mobilidade dos veciños das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña

Fai fincapé na demanda de transporte público nos concellos afectados, onde se incrementou arredor dun 20% o número de viaxeiros contabilizado nos autobuses da Xunta

Reafirma a reivindicación do Goberno galego ante o Goberno de España sobre o Feve e outras cuestións relevantes no ámbito do ferrocarril, como a chegada dos trens Avril ou o Corredor Atlántico de Mercadorías
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia a reclamación da Xunta ao Goberno central da modernización do Feve Ferrol-Ribadeo e a dotación do material rodante comprometido para poñerlle fin ao abandono deste servizo.

Na súa intervención no Pleno do Parlamento, a conselleira de Infraestruturas subliñou que, pese a ter demanda, o ferrocarril de vía estreita carece de vontade política e de compromiso orzamentario por parte do Goberno de España para modernizar a liña e o material rodante. As deficiencias e carencias actuais impide que esta liña ferroviaria sexa unha alternativa de transporte que, en primeiro lugar, funcione e, despois, resulte útil á mobilidade diaria dos cidadáns das comarcas que atravesa.

Afirmou que para a Xunta é unha liña ferroviaria estratéxica e non só para a conexión das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra, senón tamén para a comunicación de Galicia con Asturias e como continuación cara ao País Vasco.

A conselleira lamentou que a liña do antigo Feve veña acumulando un importante déficit de investimentos na modernización da vía e do material rodante, pese a estar comprometidas actuacións de calado desde 2018.

Segundo indicou, neste momento o único certo, e admitido polo Goberno central, é a dilación de “dous ou tres anos” na incorporación do novo material rodante ás liñas de ancho métrico, que xa terían que estar prestando servizo.

Ethel Vázquez abundou na exclusión de Galicia da medida excepcional do Goberno central que aplica en Asturias e en Cantabria de gratuidade deste servizo desde comezos deste ano ata 2026, en compensación ao “despropósito no erro do cálculo das medidas dos novos trens”, lembrou.

Tamén censurou a exclusión de Galicia do grupo de traballo que o Ministerio de Transportes conformou con Asturias e Cantabria para facer seguimento desta incidencia, e a falta de resposta do Goberno central á solicitude da Xunta para que tamén pudiesen participar Galicia e a Castela e León, como comunidades tamén afectadas.

Ethel Vázquez fixo fincapé nas incidencias na liña Feve, moi habituais, e na falta dunha resposta clara e satisfactoria por parte de Renfe ante a merma gradual na calidade dos servizos, que está a impactar moi negativamente na mobilidade dos veciños das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña.

Fixo fincapé na demanda de transporte público nos concellos afectados, como o demostra arredor do 20% de incremento de viaxeiros contabilizado nos autobuses da Xunta nestas comarcas nos primeiros 9 meses do ano, en comparación co 2022. Hai demanda, resaltou, o que non hai é servizos fiables e eficientes no que respecta aos trens de ancho métrico.

Referiuse, tamén, ao silencio na resposta con respecto a este asunto no encontro mantido o pasado mes de outubro co secretario de estado de Transportes. A mesma resposta que, lamentou, se repetiu con outras cuestións moi relevantes para o interese xeral de Galicia no que respecta ao ámbito do ferrocarril: os trens Avril ou a situación na que se atopan os investimentos no Corredor Atlántico de Mercadorías.

A conselleira afirmou que a Xunta non se resignará a aceptar estas aldraxes e non cederá nas súas  xustas demandas e exixencias ante o Goberno de España.

Ethel Vázquez concluíu a súa intervención incidindo en que é preciso que o Goberno de España se comprometa en serio co Feve: acometa, canto antes, as obras de modernización da liña comprometidas; dote do material rodante necesario; e incremente as frecuencias para garantir un servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo fiable e de calidade, á altura das necesidades dos usuarios e á altura do século XXI.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023