A Xunta remata as obras que dotan de servizo de saneamento municipal os núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, en Boimorto

Executouse unha rede de colectores que supera os 2,5 km e unha depuradora para o tratamento das augas residuais destes 3 lugares do municipio, con vivendas unifamiliares dispersas, ademais dunha pequena explotación gandeira e un bar

Augas de Galicia vén de entregarlle ao Concello estas infraestruturas hidráulicas, que supuxeron un investimento de 487.000 €

A nova estación depuradora funciona por gravidade e conta cun panel solar, o que suporá un importante aforro no subministro de enerxía eléctrica ás instalacións

As obras forman parte da colaboración entre a Xunta, que executou as obras e asumiu o 80% do investimento, e o Concello, que contribuíu co 20% restante

O Goberno galego segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no medio rural

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras que permiten dotar de servizo de saneamento municipal os núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, no concello de Boimorto.

As obras consistiron na instalación dun sistema de saneamento composto por unha rede de colectores cos seus correspondentes pozos de rexistro e unha estación depuradora de augas residuais nesta zona rural con vivendas unifamiliares, na súa maioría dispersas, e en cuxa contorna tamén hai unha pequena explotación gandeira de vacún e un bar.

Esta mañá Augas de Galicia entregoulle ao Concello estas infraestruturas hidráulicas, que supuxeron un investimento de 487.000 euros.

En concreto, mediante esta actuación, habilitouse unha rede de colectores por gravidade sen bombeos intermedios e cun tramo en hinca para cruzar unha estrada autonómica. A rede remata nunha depuradora de augas residuais que funciona cun panel solar co que alimentar a instalación e un punto de luz.

A rede de colectores executouse en tubaxe de PVC, de diámetro 250 mm. A lonxitude total da rede é de máis de 2,5 km, complementada con 75 unidades de pozo de rexistro.

Con estas obras darase servizo a unha poboación de 99 habitantes para o ano horizonte 2044.

Esta intervención enmárcanse no convenio de colaboración entre a Xunta, que cofinanciou a actuación nun 80%, e o Concello de Boimorto, que contribuíu co financiamento do 20% restante.

As obras contaron con financiamento europeo do eixe REACT-EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no medio rural.

Data de actualización: 08/11/2023