Fabiola García destaca o apoio e atención do goberno galego ás persoas maiores con máis orzamento, prazas residencias e axudas para os coidados

Apuntou que nos últimos anos se triplicaron as prazas residenciais sostidas con fondos públicos e que nestes momentos están en construción novos centros en Antas de Ulla e Ribeira, ademais dos que entregará chave en man a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas

Lembrou que o Executivo autonómico puxo a disposición dos concellos un Plan de investimentos dotado con 18,5 millóns de euros para a construción de centros de servizos sociais de titularidade municipal e ao que non concorreu o concello de Cambados

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe o apoio e atención do Goberno galego ás persoas maiores, que se pon de manifesto no reforzo dos orzamentos destinados, na posta en marcha de novos programas e servizos e no incremento do número de prazas de atención residencial sostidas con fondos públicos. Así o sinalou nunha resposta oral en Pleno sobre a residencia de maiores das Hermanitas dos Anciáns Desamparados en Cambados.

Durante a súa intervención, Fabiola García explicou que nos últimos quince anos se triplicaron as prazas financiadas pola Xunta en residencias de maiores, ata superar hoxe as 15.000 por toda a comunidade. Tamén apuntou que no orzamento de 2024 contémplanse 540 millóns de euros á atención aos maiores, un 18% máis que este ano e 100 millóns de euros máis que o destinado polo goberno bipartito a toda a área de política social no ano 2009.

Ademais, a conselleira recordou que nestes momentos están en construción as novas residencias públicas de Antas de Ulla e Ribeira, a primeira que aplicará o novo modelo de coidados de xeito íntegro e á que se destinará 10 millóns de euros. Xunto con estas, Galicia contará con outras 900 prazas públicas a través dos centros que entregará chave en man a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas. Así mesmo, referiuse ao novo complemento universal ao Bono Coidado Residencia para axudar con 1.200 euros ao ano para facer fronte ao custe dun centro da súa preferencia; e ao Bono de Coidados no Fogar, outra axuda de 5.000 euros anuais para as persoas con dependencia que son atendidas nas súas casas por un familiar, un veciño ou calquera outra persoa.

Fabiola García destacou que o Goberno galego puxo a disposición dos concellos galegos un Plan de investimentos dotado con 18,5 millóns de euros para a construción de centros de servizos sociais de titularidade municipal. Neste sentido, sinalou que resulta contraditorio que o concello de Cambados asegure que existe falta de prazas residenciais mentres non solicita as axudas para a posta en funcionamento de novas instalacións de titularidade municipal.

  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023