A Xunta impulsa a compra de maquinaria e melloras en dous núcleos de Baleira cun investimento de 72.750 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o Concello recibiu hoxe unha cuña quitaneves, un esparexedor de sal e unha trituradora forestal para facilitar as condicións de vialidade, especialmente no inverno

Baleira (Lugo), 8 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia impulsou melloras en dous núcleos de Baleira e a compra de maquinaria para os servizos medioambientais municipais a través dunha achega de 72.750 euros do Fondo de Compensación Ambiental.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou xunto co alcalde, Ángel Enrique Martínez Puga, a maquinaria recibida hoxe mesmo, que consiste nunha cuña quitaneves e un esparexedor de sal para incorporar a un vehículo tipo ‘pick up’, e unha trituradora forestal para un tractor.

Estas adquisicións facilitarán as condicións de circulación nas vías de titularidade municipal de Baleira, e resultan especialmente necesarias para reducir as situacións de risco no inverno debido á orografía e á climatoloxía deste concello de montaña.

O Fondo de Compensación Ambiental, que xestiona a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, tamén financiou a obra de mellora do saneamento de augas de escorrentía pluvial no núcleo do Sesto. A actuación afectou a un tramo da vía de acceso a esta localidade, onde a auga discorría cara ás vivendas debido á pendente da plataforma.

Por último, o concello de Baleira conseguiu axudas para renovar a instalación de iluminación pública de Vilar de Pousada, neste caso con cargo aos orzamentos do fondo que se asignan por concorrencia competitiva.

Arias explicou que a Xunta repercute os ingresos derivados do canon eólico nos   municipios, particularmente nos afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación, que reciben a maior parte dos apoios en concorrencia non competitiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023