A Xunta investirá no Plan Galego de Formación para o Emprego un 12,9% máis en 2024 con 117 M€ para converter Galicia nunha terra de oportunidades

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou hoxe na Cidade da Cultura a I Xornada Galega de Formación para o Emprego

Destacou a aposta do Goberno galego por este modelo co que se avoga por unha formación permanente e mellora a capacitación das persoas ocupadas e desempregadas, para atopar un emprego ou melloralo

Avanzou que en 2024 se dará un pulo ás microformacións e á Rede de centros asociados de formación para o emprego; ademais, vaise crear un centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou hoxe na Cidade da Cultura a importancia da formación para o emprego na xornada A formación para o emprego en Galicia: análise actual e retos de futuro. Sinalou que coa transformación que está a vivir o mercado de traballo revelouse a gran importancia que ten porque, nas súa palabras, se demostrou necesaria para as persoas traballadoras, que están ou non en activo.

Rivo indicou nesta I Xornada Galega de Formación para o Emprego que nunha economía cada vez máis globalizada, esta cualificación eríxese como un modelo que redunda nunha mellora da produtividade e a competitividade empresarial. Ademais, segundo apuntou a conselleira, esta formación promove que as competencias adquiridas polos traballadores, a través da súa cualificación ou da experiencia laboral, sexa obxecto de acreditación.

Por iso, Rivo avanzou que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns destinaranse ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis que en 2023. Con este investimento, entre outros, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas relacionadas coas novas tecnoloxías: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego.

Así mesmo, concretou que a Xunta seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, as microcredenciais, un sistema polo que se avoga en Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais das persoas traballadoras.

A titular de Promoción do Emprego salientou, ademais, que o Plan galego de formación para o emprego seguirá a deseñarse da man dos axentes económicos e sociais e avogou por seguir cooperando xuntos para continuar deseñando estratexias como a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, un gran pacto social pola formación para o emprego en Galicia. “Coa unión de forzas convertamos Galicia nunha terra de oportunidades, que entre todos imos converter en realidades”, rematou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023