O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe este novo recurso acompañado do delegado territorial do Goberno galego en Ourense, Gabriel Alén

A Xunta amplía as prazas de 0 a 3 anos en Chandrexa de Queixa coa apertura dunha casa niño

O orzamento de 2024 contempla outros 3 millóns de euros para seguir ampliando esta rede pública de recursos de conciliación en concellos que non teñen escolas infantís

Chandrexa de Queixa (Ourense), 8 de novembro de 2023

O Goberno galego continúa a ampliar a rede de casas niño para levar servizos de conciliación gratuítos para as familias a toda a comunidade. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe a casa niño ‘Folerpas’ en Chandrexa de Queixa, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. 

Jacobo Rey destacou que o orzamento da Consellería de Política Social e Xuventude para 2024 contempla outros 3 millóns de euros para manter o centenar de casas niño agora en funcionamento e impulsar outras novas. Esta de Chandrexa de Queixa é o primeiro recurso de conciliación que se abre neste municipio da provincia de Ourense. 

O director xeral lembrou que coas casas niño a Xunta ofrece ás familias prazas de 0 a 3 anos totalmente gratuítas naqueles concellos que non contan con outro servizo de conciliación. Tamén apuntou que estes recursos actúan como un importante dinamizador das localidades menos poboadas, contribuíndo a fixar poboación. 

Obras de acondicionamento

A través da orde de axudas para a creación de casas niño, a Xunta financia as obras de acondicionamento dos locais cun máximo de 15.000 euros por cada un e os gastos da actividade diaria, o que supón unha achega anual de 21.560 euros por cada centro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023