O Colexio de Arquitectos de Galicia en Vigo aplaude o traballo de recuperación do Casco Vello e ofrece a súa colaboración á Xunta

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este mércores unha xuntanza coa directiva do COAG reelexida nas eleccións do pasado mes de maio

Os responsables do Colexio de Arquitectos ofreceron a súa colaboración ao Goberno galego para avanzar na rehabilitación do barrio histórico

Vigo, 8 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e prepresidenta do Consorcio Casco Vello, Ana Ortiz, mantivo este mércores unha reunión na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia en Vigo (COAG) coa directiva reelexida. No encontro estiveron presentes o presidente da delegación viguesa, Manuel Martínez Carazo, así como a tesoreira, Sonia María Alvarado Peitieiros, e a secretaria, Ana Pérez Roy.

Durante a xuntanza, a representante autonómica coñeceu ao equipo directivo que continúa traballando tras as eleccións do pasado mes de maio. O presidente trasladou a Ana Ortiz as felicitacións polo traballo de recuperación que está a levar a cabo a Xunta no Casco Vello da cidade e ofreceu calquera tipo de colaboración técnica que precise o Goberno galego para continuar na rehabilitación do barrio histórico.

O Colexio de Arquitectos de Galicia xa distinguiu varias edificacións construídas no casco histórico vigués, como as rehabilitacións de Subida a Castelo e O Berbés. Nos premios COAG de 2022 tamén foi premiada a reforma da Cidade da Xustiza de Vigo levada a cabo polo arquitecto Alfonso Penela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023