A Xunta advirte de que o Goberno central pretende cambiar o modelo de financiamento co que funcionan as unidades de Policía adscrita desde hai 30 anos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a condición do Ministerio de Interior para negociar o novo acordo que permita cubrir prazas vacantes suporía un aumento de 10,5M€ para a Xunta correspondentes ao pago da metade das nóminas, a maiores dos 3,5M€ que xa se están a asumir para outros gastos

A Xunta reclama manter a fórmula en vigor desde a creación das unidades policiais de Galicia, Andalucía, Aragón e Valencia hai tres décadas e que o ministro do Interior renovou en 2018 coa Comunidade Valenciana

Diego Calvo lembrou que a unidade atópase ao 70% con 354 axentes cun descenso continuado de efectivos, ao mesmo tempo que aumentan as súas competencias
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, denunciou hoxe no Parlamento de Galicia o feito de que o Goberno central esixa a Galicia asumir máis do 50% do custo da Policía Autonómica para “comezar a negociar” o convenio que permita cubrir as prazas vacantes. Así, o Goberno galego, que ata agora xa asumía 3,5M€ correspondentes a produtividade e custos de mantemento de sedes e vehículos, tería que aboar a maiores outros 10,5M€, é dicir, a metade do custo das nóminas dos efectivos. No acordo anual e nos que se viñan negociando con outras comunidades do pago das nóminas encargábase o Ministerio do Interior.

O modelo que a Xunta demanda é o mesmo que o expresidente da Generalitat Valenciana asinou co ministro de Interior, Fernando Grande- Marlaska, no ano 2018 e que recollía a fórmula de financiamento en vigor dende o momento de creación hai 30 anos das unidades policiais de Galicia, Andalucía, Aragón e Valencia. Polo tanto, o Executivo estatal pretende agora modificar o modelo de financiamento co que veñen funcionando as unidades de policía adscrita desde hai tres décadas.

Diego Calvo lembrou que a Policía Autonómica atópase ao 70% con 354 efectivos cando o catálogo de persoal é de 500 axentes para desenvolver as competencias atribuídas. De feito, o derradeiro proceso de dotación de prazas da Policía Autonómica foi no ano 2013, onde se acadaron un número de 474 efectivos na unidade policial galega. Ademais, ao mesmo tempo que este corpo sofre un descenso continuado de persoal ten que realizar un maior número de servizos, de acordo co incremento de funcións.

Nesta liña, o vicepresidente primeiro incidiu en que é urxente que se dea cobertura ás vacantes na Policía Autonómica e cun novo convenio que renove o actual que está vixente desde 1991.

A Xunta xa ten feito esta reclamación en reiteradas ocasións, ao igual que se realizou a mesma demanda desde o Parlamento de Galicia, os sindicatos policiais e no seo do consello da Policía.

Na súa intervención, Diego Calvo puxo en valor o esforzo da unidade para atender o aumento das competencias e facer fronte aos operativos levados a cabo nos momentos máis duros da pandemia da covid-19, na protección dos peregrinos e nas rutas xacobeas no Ano Santo Dobre, así como a loita cada ano na prevención e investigación dos incendios forestais.

A Policía Autonómica leva a cabo un importante labor no eido ambiental, tanto na investigación de incendios forestais en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural como na protección do medio e dos recursos mariños, e en especial, na loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. A protección das vítimas de violencia de xénero e dos menores, así como dos edificios e das persoas con responsabilidade no Goberno galego, e o servizo de prevención no Camiño de Santiago son outros dos cometidos desta unidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023