As incidencias puntuais no transporte escolar este curso limítanse a 85 das case 1600 rutas existentes

Román Rodríguez explica no Parlamento que Galicia conta co servizo de transporte máis amplo do Estado, que beneficia a 80.000 alumnos

As principais causas son relativas a cuestións de desaxustes horarios por problemas de tráfico e, ademais, foron subsanándose de xeito progresivo na súa maior parte
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, explicou hoxe no Parlamento que o seu departamento só rexistrou neste inicio de curso incidencias en 85 das 1.593 rutas de transporte escolar, que xa están a ser analizadas. En resposta a unha interpelación no Parlamento, o titular do departamento educativa da Xunta recordou que Galicia conta co máis amplo servizo de transporte escolar do Estado, coa complexidade que isto implica en canto a xestión de autocares, rutas e paradas por todo o territorio galego.

“O servizo de transporte mobiliza a arredor de 80.000 alumnos, cun investimento de máis de 120M€ para que os estudantes gocen dun servizo totalmente gratuíto”, lembrou o conselleiro, “o maior investimento de todo o Estado: máis do 20% tendo menos do 5% da poboación escolar”. 

Neste sentido, sinalou que é normal que se produzan incidencias puntuais, a maioría delas relacionadas con cuestións de desaxustes horarios por atascos de tráfico. Aclarou, ademais, que estas dificultades se subsanan de xeito progresivo na súa maior parte.

Sancións impostas

Tal e como explicou, os servizos técnicos da Consellería vixían o cumprimento íntegro dos contratos, analizando todas as queixas e, nos casos nos que quedaron acreditados incumprimentos sen subsanación, iniciáronse expedientes ás empresas. Isto redundou na imposición de 75 penalidades o pasado curso 2022/23.

Román Rodríguez fixo fincapé en que os novos contratos de transporte escolar optimizaron rutas, permitiron a modernización da flota de vehículos postos a disposición do alumnado, minimizan o emprego de dobraxes, permiten establecer un sistema de seguimento da flota e melloran as condicións de seguridade dos usuarios.

Data de actualización: 08/11/2023