O conselleiro do Mar destaca o éxito da iniciativa de promoción dos produtos pesqueiros

A campaña GALICIA SABE AMAR leva o mellor do sabor das rías galegas a 350.000 persoas e acumula xa 376 concellos de Galicia e España

Alfonso Villares resalta a importancia de publicitar a calidade do peixe e mariscos galegos entre os consumidores e poñer en valor a dieta atlántica como modelo de vida saudable

O conselleiro volveu a reclamar ao Goberno central unha rebaixa do IVE para estes alimentos xa que supón unha desvantaxe competitiva para o sector no actual contexto inflacionista

A Coruña, 8 de novembro de 2023

A campaña GALICIA SABE AMAR posta en marcha pola Consellería do Mar, na que catro foodtrucks levan por toda a xeografía galega e parte da española os mellores sabores dos produtos do mar de Galicia, continúa sumando quilómetros e visitantes. Xa son 376 concellos e 350.000 persoas as que pudieron degustar algún dos petiscos pensados especialmente para esta iniciativa e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, manifestou a importancia desta campaña durante a súa visita ao III foro GALICIA SABE AMAR no Palexco da Coruña e destacou a súa contribución a poñer en valor os produtos pesqueiros e o traballo dos profesionais do mar ademais de promocionar o seu consumo polo conxunto da cidadanía á vez que enxalzou as propiedades gastronómicas e nutricionais dos alimentos pesqueiros. Nese sentido puxo en valor o papel destes alimentos dentro da dieta atlántica, sinónimo dun modo de vida equilibrado e saudable.

Precisamente por ese motivo o titular de Mar volveu a reclamar ao Goberno do Estado a rebaixa do IVE para o peixe e marisco, recordando tamén que é unha demanda na que a Xunta acompaña ao propio sector pesqueiro e que leva solicitándose dende fai case dous anos sen éxito, supoñendo unha desvantaxe competitiva para a actividade pesqueira e a comercialización dos seus produtos, especialmente nun contexto económico inflacionista como o actual.

III Foro Galicia Sabe AMAR

O evento estivo centrado no territorio e que contou con mesas redondas baixo o título ‘Galicia #territorio que SABE AMAR’ e ‘O que nos trae #aCociñaDoMar’ na que participaron profesionais do mar e da hostalaría. Tamén houbo unha showcooking- degustación da man de prestixiosos chefs coruñeses como Xoan Crujeiras (Restaurante Bido), Moncho Méndez (Restaurante Millo Orzán), Iván Dominguez (Restaurante Nado), Alma García e Víctor Rubio (Restaurante Greca), Javier Freijeiro e Moncho Bargo (Restaurante Pracer Zalaeta), Fabian Mouzo e Antonio Amenedo (Pazo de Vilaboa). A cita pechouse con un obradoiro práctico no que se abordou a diferenciación de especias e a degustación de especies do mar pouco coñecidas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 08/11/2023