A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu hoxe no Parlamento responsabilidade á oposición nas súas afirmacións sobre o transporte público

Ethel Vázquez salienta que os 40 contenciosos presentados contra o Plan de transporte público foron todos resoltos a favor da Xunta

Vázquez Mourelle reitera que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non cuestiona a posta en marcha do Plan de Transporte, senón as prácticas de dúas empresas ás que a Comisión Galega de Competencia xa abriu expediente

Recorda que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia avalou o citado Plan ao desestimar a práctica totalidade dos recursos presentados

Destaca que os Orzamentos de 2024 destinan 100 M€ para seguir prestando un transporte público de calidade, que este ano rexistra unha taxa de crecemento medio próximo ao 24% e é valorado polos usuarios cun notable
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que os 40 contenciosos presentados contra o Plan de Transporte Público foron todos resoltos a favor da Xunta.

Na súa resposta no Pleno do Parlamento, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade pediu responsabilidade á oposición nas súas afirmacións sobre o transporte público na comunidade.

Remarcou que é mentira que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cuestione o procedemento seguido pola Xunta para a posta en marcha do Plan de Transporte, xa que o auto non fai referencia ao proceso de contratación da Consellería de Infraestruturas, senón ás prácticas de dúas empresas en termos de competencia.

Reiterou que o que cuestiona a sentenza é unha resolución da Comisión Galega da Competencia, que dando cumprimento ao mandato xudicial, xa abriu o expediente sancionador ás dúas empresas implicadas.

Explicou que os proxectos que rexeron a licitación dos contratos do Plan foron escrupulosos e transparentes, como avalou o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia cando desestimou a práctica totalidade dos recursos.

Precisou que dos 60 recursos ante o Tribunal de Contratación Pública, 58 foron resoltos a favor da Xunta; e tamén todos os contenciosos presentados, 40, polo que practicamente 100 recursos ante os tribunais avalaron a xestión do Goberno galego.

Aposta polo transporte público

Salientou a aposta da Xunta polo transporte público, para a que os Orzamentos do vindeiro ano reservan investimentos que suman 100 M€.

Concretou que o bo funcionamento do transporte público queda reflectido na capacidade que está a ter para atender o incremento significativo da demanda, como consecuencia da aplicación das bonificacións extraordinarias do 50%, o inicio do curso escolar e do transvase de usuarios do tren por mor das deficiencias do sistema ferroviario.

Lembrou que este ano o transporte público rexistra unha taxa de crecemento medio próximo ao 24% e é valorado polos usuarios cun notable.

Sinalou que esta boa acollida por parte dos cidadáns é grazas ás medidas adoptadas pola Xunta, como a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 160.000 menores de 21 anos viaxan de balde nos autobuses interurbanos. Puxo como exemplo que no mes de setembro se bonificaron 606.261 viaxes, o que supuxo un aforro de máis de 1 M€ para os usuarios.

Esta gratuidade, segundo dixo, estenderase o 1 de xaneiro aos maiores de 65 anos, tras reservar un orzamento de 5 M€ nas contas autonómicas do próximo ano.

Cómpre lembrar que estes incentivos se enmarcan no Plan de Transporte Público de Galicia, que fixo posible pasar de 900 a máis de 3.500 liñas, de 20.000 a máis de 56.000 as paradas e de 1,48 millóns de servizos ao ano a 2,35 millóns.

A conselleira tamén fixo referencia ás características de sostibilidade e seguridade presentes nas frotas de autobuses que prestan os servizos de transporte público.

Detallou que o 70,36% dos autobuses que conforman a flota do Plan de transporte público de Galicia dispoñen da categoría ambiental ‘C’ e case o 22% categoría ECO.

Engadiu, ademais, que idade media dos vehículos é de 5,7 anos, fronte á media nacional por riba dos 11 anos.

En canto ao cinto e a accesibilidade, Vázquez Mourelle indicou que o 99% dos autobuses dispoñen deste elemento de seguridade e o 55% teñen prazas para persoas de mobilidade reducida.

Seguimento continuo

A Xunta efectúa un intenso traballo de seguimento continuo do funcionamento do transporte público para acadar uns servizos de calidade, eficaces e mellor adaptados ás necesidades da xente.

Citou como exemplo o contrato para o transporte que comunica A Coruña, Lugo e A Mariña, onde por mor dos datos erróneos trasladados pola anterior empresa concesionaria, os servizos prestados non están a responder ás necesidades dos cidadáns.

Neste sentido, para resolver esta situación, anunciou que o venres o DOG publicará a información pública do proxecto de explotación desta concesión.

Recalcou que a Xunta seguirá traballando para que as empresas concesionarias cumpran as condicións dos contratos e os usuarios estean contentos coa calidade dos servizos, é dicir, para que Galicia siga sendo un referente en transporte público en España.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023