A Xunta inaugura a 19ª Edición do curso de financiamento europeo TecEuropa

Achégalles aos participantes o funcionamento dos fondos europeos e o proceso de presentación de proxectos
 

Conta con máis de 100 inscritos, pertencentes a distintas entidades galegas tanto públicas como privadas
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá a primeira sesión da 19ª edición do curso de financiamento europeo TecEuropa. Organizada pola Xunta a través da Fundación Galicia Europa, a iniciativa está destinada a entidades galegas públicas e privadas que buscan especialización na materia. 

Na súa intervención, o director xeral destacou a utilidade do programa de cara a promover entre os participantes o aproveitamento das oportunidades que lles brinda o marco financeiro europeo. O curso conta con máis de 100 inscritos, entre persoal do sector público autonómico, de administracións locais, das universidades galegas e de asociacións empresariais e cámaras de comercio, así como de empresas; de entidades do terceiro sector e de entidades de I+D+i. 

A primeira das catro xornadas desta edición de TecEuropa consistiu nunha visita virtual á Comisión Europea na que tres representantes da institución explicaron as prioridades do presente mandato, vixente ata 2024. Máis concretamente, abordáronse as transicións verde e dixital e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. 

Nas vindeiras sesións, que se celebrarán os días 10, 15 e 17 deste mes, distintos expertos en financiamento europeo explicarán tanto o funcionamento dos fondos comunitarios como os distintos tipos que existen e o proceso de presentación dun proxecto europeo, entre outras cuestións. 

Participación galega en proxectos europeos

Desde o seu lanzamento en 2015, no programa TecEuropa participaron máis de 1.000 persoas. Tras dúas primeiras edicións en formato presencial, as xornadas adoptaron a modalidade virtual co que chegan a un público aínda maior sen perder a riqueza do seu contido teórico e práctico. A formación en financiamento comunitario e a promoción da participación das entidades públicas e privadas en distintos proxectos europeos son dous dos principais ámbitos de actuación da Fundación Galicia Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023