O delegado territorial da Xunta participa na mesa de traballo do xeodestino O Ribeiro, O carballiño, Celanova e Terras do Xurés para planificar o modelo galego da nova estratexia turística 2024-2030

O Goberno galego está a traballar xa no proceso de diagnose previo que permitirá coñecer de xeito analítico o estado de situación do turismo en Galicia
 

Na provincia de Ourense tamén se desenvolverán mesas de traballo dos xeodestinos ‘Trevinca – Valdeorras’ na Rúa; o de ‘Verín – Monterrei’ en Monterrei; o de ‘Allariz – Maceda - A Limia’ en Allariz e o xeodestino ‘Ribeira Sacra’ que se levará a cabo en Monforte de Lemos
 

Coa intención de dar cabida a todos os profesionais do sector turístico, esta información completarase coa recompilada a través dun cuestionario online no que poderán recoller a súa visión e suxestións

Ourense, 08 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá no Centro Cultura Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense na mesa de traballo do xeodestino O Ribeiro – O Carballiño – Celanova - Terras do Xurés para planificar con previsión e afianzar o modelo galego da nova estratexia turística 2024-2030 con medidas orientadas á sustentabilidade e a dixitalización, entre outros aspectos.

Con este obxectivo o Goberno autonómico está a traballar xa, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia e coas tres universidades galegas, no proceso de diagnose previo que permitirá coñecer de xeito analítico e, desde unha visión de conxunto, o estado de situación do turismo en Galicia. 

Nesta mesa de traballo,  na que participan distintos axentes públicos e privados do sector, expóñense as necesidades e retos para os vindeiros anos. Tamén se recolleu información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da Comunidade. 

Na provincia de Ourense tamén se desenvolverán mesas de traballo do xeodestino Trevinca – Valdeorras na Rúa; o xeodestino Verín – Monterrei en Monterrei; o xeodestino Allariz – Maceda - A Limia en Allariz e o xeodestino Ribeira Sacra que se levará a cabo en Monforte de Lemos.

Coa intención de dar cabida a todos os profesionais do sector turístico, esta información completarase coa recompilada a través dun cuestionario online no que poderán recoller a súa visión e suxestións. Por outra banda, para elaborar esta nova estratexia de turismo contarase tamén co aval científico das tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, que realizarán unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia.

Galicia Destino Seguro

 O Goberno autonómico continúa así planificando o seu modelo turístico nun momento que, como constatan as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), se está a recuperar o dinamismo tras a pandemia. 

Durante este tempo o Goberno galego contou coa folla de ruta elaborada no contexto pandémico e lanzada no ano 2021, Galicia Destino Seguro, que está vixente ata decembro. Entre outros aspectos, permitiu impulsar coa maior celeridade posible a reactivación turística de Galicia tras a crise sanitaria provocada pola covid-19 e recuperar nalgúns casos indicadores de ocupación e rendibilidade anteriores á pandemia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2023