A Xunta substitúe 2.000 metros cadrados de cuberta no CPI do Progreso de Catoira

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o resultado das obras e lembrou o compromiso do goberno autonómico co sector educativo

A obra, que tivo un custo de máis de 260.000 euros permitirá mellorar a eficiencia enerxética grazas a unha capa de la de roca e ao panel ‘sándwich’

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica prevé que no ano 2024 se teñan investido na provincia de Pontevedra máis de 48 millóns de euros

Catoira, 7 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CPI do Progreso de Catoira, onde a Xunta levou a cabo unha importante obra de substitución da cuberta.

En concreto, a Xunta investiu máis de 260.000 euros para a reposición de preto de 2.000 metros cadrados de cuberta que permitirá mellorar a comodidade do alumnado e a eficiencia enerxética do centro, diminuíndo o gasto eléctrico co aforro no medio prazo que iso implica. Neste sentido, a nova cuberta conta con tecnoloxía que permite un mellor illamento térmico, ao contar cunha capa de la de roca e un panel ‘sándwich’ que evitan que o calor escape do edificio.

As obras tamén incluíron a reforma da sala de caldeiras e a mellora dos emisores, ademais da substitución dos canlóns e demais elementos de fontanería que se encontraban en malas condicións. 

O delegado territorial lembrou o compromiso da Xunta co sector educativo e asegurou que para o goberno autonómico “o benestar e a comodidade dos nenos e nenas e dos docentes é unha prioridade”.

Cabe destacar que esta obra encádrase dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta 2021-2024 que neste período contempla unha inversión total en toda a provincia que supera os 48 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023