A Xunta inviste máis de 420.000 euros no programa de emprego para persoas mozas de Vilanova de Arousa

O delegado territorial asegurou que este programa demostrou ser “unha ferramenta excelente para todos os que quixeron aproveitala”

Na provincia levaranse a cabo durante este curso un total de seis destes cursos

A iniciativa conta con prácticas remuneradas que permitirán desenvolver proxectos de mantemento e innovación no propio concello

Vilanova de Arousa, 7 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración do programa de emprego para persoas mozas Vista Real IX financiado pola Xunta no concello de Vilanova de Arousa.

Neste obradoiro, que terá unha duración aproximada dun ano e que conta cunha inversión da Xunta de máis de 420.000 euros, participarán 16 mozos e mozas desempregadas menores de 30 anos. O alumnado divídese entre a especialidade de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e a de Implantación e xestión de elementos informáticos e sistemas domóticos.

Esta formación combina unha parte teórica con prácticas remuneradas que permitirán a todos os participantes aprender sobre o terreo todo o necesario para dedicarse ás súas especialidades.

O obxectivo destes obradoiros é mellorar a empregabilidade das persoas mozas formándoas nun oficio altamente demandado polo tecido empresarial, pero tamén involucrar aos participantes en obras e proxectos que revertan a favor dos seus veciños e veciñas. Neste sentido, os alumnos da modalidade de Xardinería realizarán as súas prácticas coidando e mellorando as zonas verdes do concello, mentres que os de Xestión de elementos informáticos e domótica traballarán na instalación dun sistema de control do tráfico mediante cámaras fixas con software de lectura de matrículas.

O delegado territorial quixo felicitar ao alumnado pola súa motivación e desexarlle “moito éxito tanto neste programa como na vosa procura de emprego”. Reguera lembrou que este tipo de iniciativas da Xunta teñen un gran impacto na sociedade e demostraron ser unha “ferramenta excelente para todos os que quixeron aproveitala”.

“A mellor política social é a política de emprego. É algo que a Xunta ten moi claro e por iso, pese a que estes programas teñen un custo moi importante, estamos seguros de que valen cada euro investido”, concluíu o delegado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023