A Xunta dá a coñecer os avances en materia de atención a maiores a representantes do sector sociosanitario procedentes de distintos países europeos

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

O director de xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, amosou esta mañá as instalacións do Cegadi a un grupo de representantes do sector sociosanitario procedentes de distintos países europeos como Escocia, Italia e Eslovenia, entre outros. Durante a visita, puido darlles a coñecer os avances nos que está a traballar o Goberno galego nesta materia.

Precisamente no Cegadi, poñerase a funcionar nos vindeiros meses o primeiro centro de coidados intermedios público de España. Un centro que servirá de ponte entre a atención sanitaria e social, ao ofrecer atención a aqueles pacientes que recibiron a alta hospitalaria pero seguen precisando atención social como rehabilitacións ou outro coidados antes de regresar aos seus domicilios ou residencias.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asistiu a unha mesa de traballo no mes de maio en Escocia onde lles avanzou a algúns destes profesionais e a membros do goberno escocés aquelas medidas pioneiras nas que está a traballar a Xunta de Galicia. Froito deste encontro, hoxe algún destes profesionais acudiron á nosa Comunidade a coñecer de primeira man as iniciativas que se están a implantar en Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023