A Xunta apoia este ano con 4,8 M€ un total de 362 iniciativas empresariais lideradas por mulleres e a xeración e mantemento de 800 empregos femininos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mantivo hoxe en Santiago de Compostela un encontro con mulleres emprendedoras beneficiarias do programa de axudas da Xunta para impulsar o emprendemento feminino
 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución dos apoios desta iniciativa da Xunta coa que se conceden entre 8.000 e 42.000 euros por beneficiaria en función da liña que se solicite e do número de postos de traballo creados ou mantidos de carácter indefinido para mulleres
 

Desde 2009 a Xunta leva destinados máis de 23 millóns a esta iniciativa, coa que se concederon máis de 1.800 axudas para apoiar proxectos empresariais e permitiu a creación e consolidación de máis de 3.500 postos de traballo feminino
 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, informou hoxe da resolución das axudas para o emprendemento feminino que se publicaron hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Mantivo un encontro con beneficiarias deste programa autonómico de edicións anteriores no que, ademais de darlles a coñecer o resultado dos apoios concedidos este ano, animounas a seguir traballando para crear entre todos unha Galicia máis igualitaria na que as mulleres tamén teñan o seu espazo para liderar empresas. 

Con respecto ás axudas de fomento do emprendemento feminino, Rivo indicou que en 2023 investíronse máis de 4,8 millóns de euros en 362 axudas. Con estes apoios poderán, ademais, crearse e consolidarse 800 empregos femininos.  

O programa comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.  

Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea (211 axudas); Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais (149); ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica (2); e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.  

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.  

Para resultar beneficiarias desta iniciativa, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente. 

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade destacou a importancia desta iniciativa que conta en Galicia con 27 anos de traxectoria. Coa convocatoria deste ano, desde 2009, o Goberno galego leva investidos máis de 23 millóns de euros no programa, permitindo a concesión de máis de 1.800 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear máis de 2.400 postos novos e o mantemento de case 1.100 preexistentes.  

Rivo, para rematar, puxo en valor a aposta da Xunta polo emprendemento, unha área que conta con 30,6 millóns de euros nos orzamentos da Consellería para 2024, un 51,6% máis que en 2023 para seguir impulsando a Rede de polos de emprendemento e continuar deseñando programas de axudas, e, en definitiva, para que Galicia conte cunha economía transformadora e igualitaria sustentada en valores como é a igualdade de oportunidades.  

Axudas 2023
Provincia
Emprendedoras beneficiarias
Importe total
Nº empregos consolidados

A Coruña

128
1.642.000€
267
Lugo
48
615.000€
89
Ourense
47
608.000€
96
Pontevedra
139
1.945.000€
348
Galicia
362
4.810.000€
800

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023