O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET) asiste ao encontro entre pares desta iniciativa que se celebra en Fryslân (Países Baixos)

Galicia participa na reunión internacional dos socios europeos do proxecto GIFT para avanzar no desenvolvemento da infraestrutura verde

No encontro combinaranse as reunións técnicas con visitas ao territorio nas que comprobar o desenvolvemento desta iniciativa

A iniciativa pon especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros
 

Leeuwarden (Países Baixos), 7 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia participa esta semana na reunión internacional dos socios europeos do proxecto Green Infraestruture for Forest and Trees (GIFT), que se celebra na rexión holandesa de Fryslân, co obxectivo de seguir avanzando no desenvolvemento da infraestrutura verde.

Durante o encontro, ao que asiste o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, os participantes nesta iniciativa -un total de 10, baixo a dirección e liderado do Goberno galego- valorarán e avaliarán a traxectoria do GIFT no seu primeiro semestre de funcionamento así como os aspectos técnicos, financeiros e loxísticos dos vindeiros meses. Deste xeito, combinaranse as reunións técnicas con visitas ao territorio nas que comprobar o desenvolvemento desta iniciativa.

Nesa liña, cómpre lembrar que o pasado mes de agosto Galicia acolleu a primeira revisión entre pares desta iniciativa, co fin de analizar e mellorar da man dos socios implicados os instrumentos políticos directamente relacionados coa infraestrutura verde. Naquela ocasión, ademais da celebración de diversas mesas de traballo, se visitou o Monte Xalo, no Concello de Culleredo, que foi valorado como un exemplo de integración paisaxística e combinación de valores naturais e culturais.

O proxecto GIFT ten como obxectivo o establecemento de medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde, concibida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente de fondos Feder e o 20% restante achegado pola Xunta—, a iniciativa pon especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.

No proxecto, ademais da Xunta, participan outras 9 entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Cómpre subliñar que este programa de cooperación interrexional fomenta a política de cohesión, facilitando así o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios.

Deste xeito, o carácter innovador do GIFT, que se prevé desenvolver ao longo dos vindeiros catro anos, reside no seu enfoque integrado coas políticas sectoriais co que se pretende abordar a infraestrutura verde fronte ao cambio climático, a súa conectividade e as medidas de recuperación da biodiversidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023