A delegada territorial, acompañada do patrón maior da Confraría de Barallobre, achegouse esta mañá ao peirao fenés

Martina Aneiros comproba en Fene o desenvolvemento da campaña de extracción de vieira da ría de Ferrol

Un total de 10 barcos das confrarías de Barallobre, Ferrol e Mugardos traballan nesta campaña que se prolongará ata o próximo 16 de novembro

No que vai de ano a través da lonxa de Barallobre comercializáronse 30.000 quilos de vieira por importe de 127.000 euros

Lembrou a importancia de adquirir produtos do mar das rías galegas polos cauces legais, garantía do control hixiénico-sanitarios máis esixente
 

Fene (A Coruña), 7 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do patrón maior da confraría de Barallobre, Jorge López, desprazouse esta mañá ao peirao de Barallobre, en Fene, para interesarse polo desenvolvemento da campaña de extracción da vieira na ría de Ferrol na que participan membros deste pósito e das confrarías de Ferrol e Mugardos.

No caso de Barallobre, un total de 3 barcos traballan nesta campaña (10 en total entre as tres confrarías) que arrancou a pasada semana e se prolongará ata o próximo 16 de novembro. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro autorizou un tope máximo de extracción de 2.400 quilos que están sendo adquiridos de forma íntegra pola empresa Artesa Rías Baixas SL, de Barro, que se encarga da evisceración deste bivalvo e posterior comercialización no mercado ao fresco e no conxelado.

Os labores de extracción son controlados directamente por persoal do Servizo de Gardacostas, que precinta os vehículos nos que se transporta a vieira debidamente acondicionada ata a planta de evisceración. Posteriormente, para que este bivalvo poida comercializarse, debe eliminarse o hepatopáncreas, branquias e outros tecidos brandos diferentes do músculo aductor e a gónada que son as únicas partes susceptibles de ser postas no mercado.

A delegada territorial cualificou a vieira como “un recurso de primeira calidade capturado nun enclave privilexiado como son as rías galegas”. A este respecto lembrou que o seu aproveitamento na ría de Ferrol non se desenvolveu de forma continuada nos últimos anos. “A extracción de vieira está condicionada polos niveis de toxina ASP. Cando son superiores ao legalmente establecido, prohíbese a súa comercialización”, explicou a delegada territorial da Xunta. É o que aconteceu a pasada primavera cando a campaña autorizada pola Consellería do Mar tivo que ser paralizada durante semanas debido á presenza desta biotoxina.

Aínda así, a través da lonxa de Barallobre comercializáronse no que vai de ano 30.000 quilos de vieira por un importe de 127.000 euros. No cómputo total da ría foron máis de 57.000 quilos de bivalvo extraídos este ano e un capital mobilizado de preto de 224.000 euros.

Durante a visita, Aneiros lembrou a importancia de adquirir produtos do mar de Galicia polos cauces legais e ao respecto da vieira salientou que “se se compra nos mercados debidamente envasada e etiquetada, está perfectamente limpa e ten pasados os controis hixiénico-sanitarios máis esixentes”, dixo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023