A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron hoxe o Concello da Estrada

A Xunta anuncia a adxudicación do plan e do proxecto de urbanización que permitirán ampliar en 162.000 m2 o polígono industrial de Toedo, na Estrada

Ángeles Vázquez subliña que o próximo ano se redactarán ambos documentos co obxectivo de poder iniciar as obras de urbanización do novo ámbito en 2025 e avanzar en paralelo no asentamento das empresas interesadas nesta área industrial

Enmarca a ampliación de Toedo na “planificación” e no esforzo investidor que fai cada ano o Goberno galego en materia de solo industrial e que nos orzamentos de 2024 se plasmará en máis de 40 M€ para executar actuacións en 22 parques

A Estrada (Pontevedra), 7 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia adxudicará a vindeira semana a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial e do proxecto de urbanización correspondentes á ampliación do polígono de Toedo, no concello da Estrada, que prevé sumar ao redor de 162.000 metros cadrados, duplicando deste xeito practicamente a súa superficie actual.

Así o anunciou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou a zona industrial despois de manter na Casa do Concello unha reunión de traballo co rexedor, José López.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a vicepresidenta explicou que o Consello de Administración de Xestur se reunirá a próxima semana para adxudicar o contrato por un importe de 128.000 euros máis IVE, o que permitirá ao adxudicatario redactar ambos documentos o próximo ano. Tamén avanzou para 2024 a licitación do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para incrementar a superficie actual do parque de Toedo.

O obxectivo, tal e como indicou Ángeles Vázquez, é avanzar nos traballos previos e na redacción de todos os proxectos necesarios para que en 2025 se poidan iniciar sobre o terreo as obras de urbanización.

Neste sentido, aclarou que se traballa coa intención de que as primeiras empresas interesadas en asentarse no novo ámbito poidan empezar a facelo tamén en 2025, acompasando o acondicionamento da zona da ampliación co proceso de venda ou de adxudicación en dereito de superficie das futuras parcelas de uso industrial.

Así mesmo, a vicepresidenta lembrou que o crecemento do polígono estradense está previsto na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, impulsada pola Xunta e cuxa aprobación definitiva esta prevista para antes de que remate 2023.

Por iso, enmarcou a ampliación de Toedo na “planificación” e no esforzo investidor que fai cada ano o Goberno galego en materia de solo industrial, a través do financiamento de novos desenvolvementos e da aplicación de bonificacións dun 30 % ou dun 50 % sobre o prezo de venda das parcelas da súa propiedade.

Esta aposta da Xunta polo solo empresarial, engadiu, plasmarase nos orzamentos para o vindeiro exercicio en máis de 40 millóns de euros para executar actuacións en 22 parques das 4 provincias, entre eles, o polígono industrial da Estrada e os pontevedreses de Lalín, Mos, Pontecesures e Pontecaldelas, ademais da Plisan.

De feito, Vázquez Mejuto explicou que a partida reservada para este parque en 2024 ascende a preto de 400.000 euros, uns fondos cos que se financiarán os traballos de redacción do PEOSE e dos proxectos de urbanización e de expropiación necesarios para acometer a ampliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023