A Xunta completa a ampliación do programa de cribado de cancro de mama ás mulleres de entre 70 e 74 anos

As unidades de exploración de todas as áreas sanitarias están a citar xa pacientes deste rango de idade

Esta ampliación, posta en marcha este ano, significa aumentar en 100.000 as mulleres galegas beneficiadas por este programa

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou hoxe pola mañá unha xornada sobre actualización e avances na detección precoz do cancro de mama, organizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, na que remarcou que a Xunta xa completou a ampliación do programa de cribado para detectar esta enfermidade ás mulleres de entre 70 e 74 anos e, por conseguinte, “a día de hoxe as unidades de exploración de todas as áreas sanitarias están a citar xa a mulleres deste rango de idade”.

Esta ampliación supón, -subliñou o titular da carteira sanitaria-, “un incremento tanto nos recursos humanos como nos materiais dedicados ao programa, coa apertura de tres novas unidades de exploración emprazadas na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo”. Ao aumentar a idade máxima do programa de cribado, o conselleiro dixo que a nova poboación diana increméntase nun 25%, “o que supón unhas 100.000 mulleres máis”.

Na xornada, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, Comesaña lembrou que este programa de detección precoz naceu hai máis de 30 anos “e atópase plenamente consolidado”. De feito, no período 1992-2022 foron invitadas a participar nel case catro millóns de mulleres, “das que asistiu ao redor do 80%”. O conselleiro incidiu en que, a partir de 2013, o programa está a acadar unhas taxas de participación cada vez máis altas, o que axudou a que “no pasado ano puideran ser derivadas 4.240 mulleres para unha valoración clínica adicional”.

Coa totalidade dos datos existentes, o responsable da sanidade pública galega sinalou que “o programa detectou xa preto de 11.500 casos de cancro de mama”. Tamén insistiu no feito de que a posibilidade de diagnosticar a maioría dos cancros en fases relativamente temperás permite realizar tratamentos menos agresivos.

Na súa intervención na xornada, á que tamén asistiu a subdirectora de Programas de Fomentos de estilos de vida saudables da Consellería de Sanidade, Silvia Suárez, o titular da carteira sanitaria agradeceu “o inmenso labor do persoal que traballa cada día para mellorar a loxística e o funcionamento deste programa de detección precoz”, e recalcou que este tipo de cancro segue a ser a primeira causa tumoral de morte nas mulleres en Europa, polo que para a Xunta “é un problema de saúde prioritario”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023