A Xunta convoca un curso de técnicas policiais operativas na Academia Galega de Seguridade Pública

Conta con 200 prazas e vai dirixido a persoal das forzas e corpos de seguridade, do exército e da Policía Portuaria

As inscricións deben formalizarse a través da web da Academia ata o 12 de decembro

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da 26ª edición do curso de técnicas policiais operativas dirixido a persoal das forzas e corpos de seguridade, do exército e da Policía Portuaria con destino en Galicia. A acción formativa impartirase na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) do 15 ao 17 de decembro e conta con 200 prazas.

Trátase dun curso presencial de 20 horas de duración que ten como obxectivo actualizar os protocolos de actuación policial, tanto na vía pública como no interior de inmobles. De carácter totalmente práctico, entre os contidos previstos figuran a patrulla urbana, a intervención policial, a identificación, a detención e a resolución ante agresión. Abordarase tamén a redución de persoas violentas por un binomio, a intervención policial no interior de inmobles e o bastón policial e a súa operativa básica na patrulla.

O persoal interesado en participar no curso debe cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e o prazo para facelo remata ás 14,00 horas do 12 de decembro.

 

A iniciativa enmárcase na programación formativa da Agasp para o segundo semestre do ano. Só durante os primeiros seis meses impartíronse 181 accións de formación centradas na área de seguridade pública e 148 na de emerxencias, con 6.407 e 5.051 participantes, respectivamente. O conxunto das accións formativas previstas para 2023 suma máis de medio milleiro, 245 no eido da seguridade pública e 280 no das emerxencias. A cifra supón un importante incremento con respecto ao pasado ano, no que se impartiron 441 cursos con preto de 12.000 persoas diplomadas.

Centro de referencia en formación

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. A Academia cumpre este 2023 o seu 30 aniversario e desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou case 170.000 persoas.

Data de actualización: 07/11/2023