A conselleira de Política Social e Xuventude participou no foro de ABC Salud baixo o título ‘Defendiendo el futuro- Longevidad’

Fabiola García pon en valor as medidas impulsadas polo Goberno galego para converter Galicia no mellor lugar para facerse maior

Destacou todas as medidas impulsadas pola Xunta para que as persoas maiores teñan liberdade de decidir onde vivir esta etapa das súas vidas e contar con medidas adaptadas as súas necesidades e preferencias

Madrid, 6 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, puxo en valor as medidas impulsadas polo Goberno galego para converter a Galicia no mellor lugar para facerse maior. Así o manifestou durante a súa intervención no foro organizado por ABC Salud polo 120 aniversario desta cabeceira e que ten como título ‘Defendiendo el futuro-Longevidad’.

A conselleira puxo en valor o papel dos medios de comunicación na divulgación de hábitos de vida saudable que axudan a que España ocupe sempre os primeiros postos nos ránkings europeos sobre maior esperanza de vida. Entre os motivos que favorecen a este liderado, Fabiola García tamén apuntou a unha aposta en firme por parte do Goberno galego por un sistema de saúde público eficiente e uns servizos sociais que atendas ás necesidades dos cidadáns desde o berce e ata o bastón.

Pola súa parte, a conselleira lembrou que a Xunta traballa na aplicación dun novo modelo de coidados que adapta a atención residencial galega á sociedade do século XXI. Un novo modelo que aproveita as vantaxes tecnolóxicas na atención; que fomenta a comunicación e colaboración entre o ámbito social e sanitario; e que avanza cara a humanización dos espazos creando centros máis parecidos aos fogares das persoas maiores.

Bono Coidado no Fogar

Outro dos aspectos nos que a conselleira fixo fincapé foi na procura dunha atención de proximidade que lle permita ás persoas maiores seguir vivindo nas súas casas se así o desexan. Neste sentido, destacou a aprobación neste mesmo ano do Bono Coidado no Fogar, unha axuda económica de 5000 euros ao ano para aquelas persoas con dependencia que sexan atendidas nas súas casas por un familiar, un veciño ou calquera outra persoa da súa preferencia. Unha iniciativa que sitúa a Galicia como a primeira Comunidade que avanza cara a universalización dos coidados xa que favorece a todas as persoas con dependencia independentemente do seu grao ou situación económica.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023