A Xunta lembra que as obras de mellora de abrigo do porto de San Adrián de Cobres están á espera de informe do goberno central dende hai máis de 8 meses

O proxecto atópase en tramitación ambiental, pendente de resposta de Costas do Estado dende o pasado 16 de febreiro

Unha vez recibida a contestación do Ministerio, se non pon reparos ao proxecto, Portos de Galicia poderá licitar as obras, que contan cun orzamento plurianual de 1,5 millóns

A administración autonómica tramita en paralelo a ampliación do porto de Domaio, cun investimento previsto de 1,8 millóns

Santiago, 6 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia lembra que o proxecto de mellora de abrigo do porto de San Adrián de Cobres, no municipio pontevedrés de Vilaboa, que pretende dar resposta ás necesidades da frota bateeira da ría de Vigo, ten condicionada a súa tramitación pola necesidade de informe ambiental do Goberno central polo que agarda dende hai máis de 8 meses.

O proxecto atópase a día de hoxe en tramitación ambiental, pendente de informe de Estratexias Mariñas, que debe emitir Costas do Estado, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, e que foi solicitado por Portos de Galicia o 16 de febreiro deste ano.

 Unha vez recibida resposta do Estado, Portos de Galicia estará en disposición de licitar as obras, que contan cun investimento plurianual previsto de 1,5 millóns de euros, recollidos nos Orzamentos 2024 da Xunta de Galicia.

Os traballos previstos en San Adrián consisten na instalación dun dique de abrigo flotante de formigón con francobordo alto e a dotación de 16 prazas de amarre a pantalán para esloras de entre 12 e 22 metros. Deste xeito, dase cabida ao total da flota deste porto. As prazas estarán dotadas de fingers de atraque e contarán con conexión de auga, luz e alumeado.

Redacción de proxecto para Domaio

En paralelo á tramitación do proxecto de San Adrián, tamén para a frota bateeira da ría de Vigo, Portos de Galicia traballa no proxecto de ampliación do porto de Domaio, no municipio de Moaña. Actualmente o proxecto atópase en fase de redacción e estudios ambientais. Como seguinte paso deberá superar a tramitación ambiental, con carácter previo á licitación.

Os orzamentos da Xunta para 2024 recollen a primeira partida dun investimento plurianual de 1,8 millóns para estas obras que consisten na instalación dun dique flotante de 140 metros para mellorar as condicións de axitación da dársena e dos novos pantaláns. Crearanse 20 novas prazas de atraque para esloras entre 16 e 22 metros. Os traballos compleméntanse cunha dragaxe en rocha na zona de amarre e acceso ao pantalán exterior.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/11/2023