A Xunta aumentará en 2024 a capacidade das unidades de reprodución asistida cun orzamento de 2,2 M€ para equipamento

O conselleiro de Sanidade visita a unidade de reprodución humana asistida de Vigo, que contará con sete novos equipos

O Servizo Galego de Saúde incorporará incubadoras máis eficientes para garantir o éxito do embrión

A unidade de reprodución asistida de Vigo realiza cada ano aproximadamente 300 ciclos de fecundación in vitro

Vigo, 6 de novembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá a unidade de reprodución asistida da cidade de Vigo para trasladar que a Xunta, no seu proxecto de orzamentos de 2024, reserva 2,2 millóns de euros para dotar de novo equipamento as tres unidades de reprodución asistida do Servizo Galego de Saúde.

Con este investimento, as tres unidades do Sergas na cidade de Vigo, na Coruña e en Santiago de Compostela incorporarán por primeira vez incubadoras time-lapse, que contan cunha cámara para evitar extraer os embrións para ser analizados, co conseguinte estrés que sofren, polo tanto, o proceso aumenta as súas probabilidades de éxito.

Ademais, todas as unidades de reprodución asistida pasarán a dispoñer dunha plataforma informática común con software V-repro e implantarase un sistema electrónico de bioseguridade e trazabilidade que evita o risco de erros humanos no manexo de material biolóxico.

Desta forma, aumentarase a capacidade das unidades de reprodución asistida para cumprir o mandato da Lei de impulso demográfico, aprobada a presente lexislatura, e que busca dar resposta ás necesidades asistenciais de quen desexa ter descendencia. 

En total, a Xunta adquirirá tres incubadoras deste tipo, tres incubadoras trigás (con concentracións de osíxeno similares ás do útero das mulleres), tres tanques de conxelación, un microscopio invertido, seis ecógrafos, unha lupa coa capacidade de vitrificar embrións e un sistema de micromanipulación tipo Narisiqui (microscopio que permite a observación e tamén microinxectar en embrións ou ovocitos).

En canto a reprodución asistida na sanidade pública, en todos os hospitais galegos realízanse estudos básicos de esterilidade e indución da ovulación e nas sete áreas sanitarias lévanse a cabo inseminacións artificiais con seme. A maiores, nestas unidades especializadas realízanse, entre outras operacións, fecundacións in vitro, que no caso de Vigo roldan os 300 ciclos cada ano.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023