O director de Turismo de Galicia participa na inauguración desta feira, unha das tres máis importantes da industria turística coa participación de máis de 50.000 profesionais

A Xunta reforza a promoción do destino Galicia no mercado británico na World Travel Market de Londres

É o quinto mercado internacional máis importante para Galicia, cuxa demanda hoteleira está a medrar este ano especialmente fóra de temporada alta
 

Enmárcase na estratexia do Goberno galego por incrementar o turismo internacional que en 2023 está a acadar rexistros históricos, ao supoñer o 30 % da demanda
 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración da 44 edición da feira turística World Travel Market, onde Galicia se promove como destino para o mercado británico, o quinto internacional máis importante para a Comunidade que este ano, ademais, está a acadar os mellores resultados da última década.  

Considerada unha das tres feiras turísticas máis importantes, Galicia volve para promocionarse entre os máis de 50.000 profesionais que se esperan na cita. A Xunta de Galicia conta para iso cun espazo propio dentro do expositor de Turespaña desde onde difunde a oferta e servizos turísticos. Natureza, gastronomía, Camiño de Santiago e unha oferta diversificada polos concellos galegos nas distintas épocas do ano ten protagonismo na promoción deste ano. Tamén se conta cunha zona de traballo para as reunións comerciais dos empresarios e representantes do sector, coa presenza de representantes do Clúster Turismo de Galicia. 

Esta é unha cita habitual no calendario anual de Turismo de Galicia desde hai décadas, para lograr o posicionamento da Comunidade como destino no estranxeiro, un segmento de mercado que este ano está acadar os mellores datos desde que se teñen rexistros. De feito, o turismo internacional está a medrar en Galicia, ata supoñer, nos nove primeiros meses do ano o 30 % da demanda turística, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). 

Mellores datos da década

Detrás destes bos datos sitúanse mercados como o británico. Ata setembro, segundo o INE Galicia tivo preto de 73.000 viaxeiros británicos aloxados nos establecementos hoteleiros, que fixeron máis de 127.000 noites. Isto supón un incremento dun 24% da demanda hoteleira con respecto ao ano pasado e dun 14 % con respecto aos rexistros previos á pandemia. É tamén a cifra máis alta de demanda hoteleira na última década. 

Ademais, obsérvase este mercado tivo este ano un comportamento positivo nos nove meses do ano, pero con subas de maior intensidade no primeiro cuadrimestre, e máis moderadas no verán, o que afianza o interese do mercado británico tamén fóra de temporada alta.O británico mantense como o quinto mercado internacional máis importante en Galicia neste ano e cuarto europeo, por detrás de Portugal, EEUU, Alemaña e Italia. Tamén é o quinto mercado internacional na ruta xacobea, onde neste caso está a medrar un 2,4%.

A participación de Turismo de Galicia en Londres enmárcase na súa estratexia por promocionar o destino en diferentes mercados a través da súa presenza activa en feiras. Este ano ten programa a participación nunhas 40 feiras e xa estivo en países como Holanda, Finlandia, Irlanda, Bélxica, Alemaña, Portugal, China, O Xapón, Dinamarca, Rusia, Italia ou Francia, entre outros.  

De feito, xunto a Londres, a promoción internacional de Galicia por parte da Xunta de Galicia continúa esta semana no Brasil. Será na Feira Festuris, que celebra a súa 35º edición e cada ano reúne multitude de empresas relacionadas cos sectores do turismo cultural, relixioso, aventura, ecoturismo, destinos ou tecnoloxía. O Goberno autonómico participa neste caso con expositor propio para seguir reforzando a súa promoción neste mercado.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023